MEMORIA

Avelino Pousa Antelo, adeus ao soñador da Galiza redimida

De Pousa Antelo quedará sempre a lembranza do seu labor incansábel por recuperar a memoria de tod@s aquel@s galeguistas que loitaron pola liberdade e tamén a súa rexa dignidade en manter en todo momento o seu ideario.

Presidente da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro e membro da Fundación Alexandre Bóveda, Avelino Pousa Antelo foi durante os seus últimos anos a presenza viva da memoria por recuperar. Transmitía emoción e convicción nuns idearios que compartiu con Castelao, a quen lembraba de neno dando un mitin no Teatro Principal de Compostela.

O episodio, repetido unha morea de veces, transmitía como poucos a personalidade que o autor de Sempre en Galiza deixou para sempre en Pousa Antelo. Aquel mitin marcou a súa memoria para toda a vida e, tempo andado, converteríao no maior valedor da figura de Castelao, a quen dedicou o alento dos seus últimos anos desde a Fundación Castelao que presidía.

Avelino Pousa Antelo mostrouse sempre fiel ao ideario de Castelao, reivindicou o papel do galeguista na nosa historia e no recoñecemento popular e institucional mais non mostrou ningunha dúbida cando decidiu rexeitar a medalla Castelao outorgada pola Xunta de Fraga. Dicía que non podía aceptar unha medalla que deshonraba o seu nome.

Cando estaba a piques de cumprir un século de vida, Avelino Pousa Antelo pecha unha biografía ateigada de compromiso coa nosa lingua, coa nosa cultura e co noso país.

O seu corpo permanecerá desde mañá día 21 ás 12:30 no salón de plenos da casa consistorial de Teo até as 19:00 horas en que será incinerado. A familia prega que non se envíen flores e, no canto diso, se se quixer, que se faga unha doazón a APAMITE (Asociación de Pais de Minusválidos de Teo).

A perda do amigo Isaac Díaz Pardo foi unha das últimas pancadas para quen se sabía o derradeiro dun grupo de homes e mulleres que viviran en primeira persoa as ilusións que ficaran rotas en 1936. Canda el compartía actos de recuperación da memoria, en especial, os dedicados a Anxel Casal ou ao propio Camilo Díaz, o pai de Isaac, tamén asasinado en 1936. Á par recibiran o Premio Día da Galiza Mártir, neses días de agosto en que nunca quedaba na casa e onde a súa presenza de noventa anos constituía a mellor lembranza para todas aquelas persoas que xa non estaban, as que, como el dicía, foron quedando no camiño.

 

Da Illa de San Simón ás rúas

Na transición teimou en recuperar o alento daquel Partido Galeguista que enchera de ilusión a súa mocidade mais os esforzos non corresponderon á vontade que el tiña diante da liberación de Galiza.

A Avelino Pousa Antelo non lle custaba coller un barco para a Illa de San Simón se de contribuír a recuperar a memoria se tratar; ou tomar o micrófono no fin dunha manifestación multitudinaria de Queremos Galego para reivindicar os dereitos da nosa lingua. En cada un dos casos mostrábase enérxico e contaxiaba entusiasmo e ilusión para seguir na loita da “redención”, palabra que empregou até os seus últimos días na súa militancia permanente co país. Coñecido era o seu compromiso co tecido asociativo do país e non era difícil atopar a Avelino en actos e xuntanzas en calquera recuncho do noso territorio. 

Naceu na Baña un 14 de maio de hai case un século, en 1914, e de mozo quedáralle un alcume que el recoñecía, “Lucho do peto”. O seu compromiso nacionalista comezaría como afiliado ás Mocidades Galeguistas, con quen fixo a campaña polo Estatuto de Autonomía. Daquel tempo lembraba xa na súa vellez o mitin en que Castelao arengaba os dereitos nacionais da Galiza e tamén o compromiso de Ánxel Casal con que partillara, entre outras cousas, a venda dos exemplares de Nós por todo o país. Activismo de novo que mantiña vivo nos seus últimos anos, cando xa sobrevoara as nove décadas de vida e continuaba a crer nunha Galiza dona de si propia.

Agroma na súa traxectoria profesional un interese no desenvolvemento agrícola de Galiza, no futuro dun sector para o que elaborou proxectos e estudos, en especial arredor do cooperativismo ou das estruturas agrarias no país. Desde os inicios na Misión Biolóxica de Galiza dirixida por Cruz Gallastegui, pasando pola dirección da Escola Agrícola da Granxa de Barreiros en Sarria, o traballo de Pousa Antelo supuxo un chanzo nos ensaios agrarios pensados desde o país. Mestre en Pontecesures até a súa xubilación en 1983, a Pousa Antelo quedáballe o aquel pedagóxico, capaz de transmitir e estabelecer unha relación especial con quen o escoitaba, dono como era dun maxisterio inmenso, dunha forza pouco frecuente na palabra, dun discurso maxistral e entusiasta que o convertía en imaxe do país que tanto quería.

 

 


 

(Intervención de Avelino Pousa Antelo no 125 aniversario de Castelao)


Comentarios