Acusan AENA de ocultar que o aeroporto de Compostela foi ampliado por presos do franquismo

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) lamenta no apartado sobre a historia da infraestrutura se obvie o feito de que as melloras foron acometidas por presos políticos de maneira forzosa.
Captura da páxina web de AENA. (Foto: Nós Diario) #franquismo #aena #vítimas #aeroporto #aeroportodecompostela #compostela #memoria
photo_camera Captura da páxina web de AENA. (Foto: Nós Diario)

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) acusa ao xestor aeroportuario AENA (Aeroportos Españois e Navegación Aérea) de manter "oculta" información ao respecto de que o aeroporto de Compostela, actual Rosalía de Castro -antes Lavacolla- foi ampliado por un grupo de presos políticos do réxime franquista. 

A entidade fai referencia ao sitio web que fala do aeródromo galego e da súa historia e remarca que a relación co franquismo non aparece explicada.

A través dun comunicado, responsábeis da ARMH describen que o portal de AENA conta como se creou a infraestrutura e hai "un lapsus entre 1937 e 1947", período no que "centos de traballadores forzados foron obrigados" a traballar na súa ampliación e mellora.

Tratábase dos batallóns disciplinarios de soldados que funcionaron desde a Guerra Civil até entrados os anos 40.

O fillo de Julián Ibáñez, un dos presos, solicitou "en varias ocasións" a AENA a inclusión desa parte da historia no relato da páxina web, nun exercicio de memoria histórica.

A pesar dos seus intentos, Ibáñez "só recibiu acuse de recibo". Pola contra, entenden que non hai "ningunha vontade por deixar de ocultar a dura historia dos presos republicanos" que levaron a cabo labores na infraestrutura de forma forzada.

"Non se pode ocultar a memoria e o sufrimento de todas estas persoas perseguidas polas súas ideas, obrigadas forzosamente á construción do que hoxe é un ben público e o que supuxo para eles padecer a durísima represión que padeceron por parte da ditadura franquista", advirte a ARMH.

Comentarios