Un capítulo da represión franquista no Incio contado pola filla de dous asasinados

As actas do martirio da 'Casa do Inverno'

Chamouse Aurelia Casas Rodríguez e negouse a esquecer. Con 12 anos coñeceu do paseo do seu pai e do seu tío Ramón, aos 15 anos viu como a súa casa foi asaltada pola Garda Civil e a súa avoa era asasinada canda outros dous antifascistas e non chegou aos 17 cando soubo da morte da súa nai, encarcerada na cadea de Lugo.
Anuncia Rodríguez Maceda, Inés Casas Rodríguez, Aurelia Casas Rodríguez e Jesús Casas González ‘O Inverno’ en 1928 en Cuba. (Foto: Arquivo Isabel Mao Casas) #anunciarodríguezmaceda #oincio #memoria
photo_camera Anuncia Rodríguez Maceda, Inés Casas Rodríguez, Aurelia Casas Rodríguez e Jesús Casas González ‘O Inverno’ en 1928 en Cuba. (Foto: Arquivo Isabel Mao Casas)

Aurelia Casas Rodríguez, a Lela da “Casa do Inverno”, viviu para lembrar. As súas memorias, rematadas o 15 de novembro de 2004 co obxectivo de deixar testemuño aos seus do padecer da súa xente, debullaron os días e feitos dunha familia humilde naquela Galiza de esperanzas até que “no ano 1936 estalou a maldita guerra civil en España e mataban a xente coma se fosen moscas. O asasino de ‘Casa Arturo’ matou o noso pai o 6 de agosto de 1936 e o día 9 o noso tío Ramón, irmán da nosa nai, que era pai de Ramón e Eva”. A causa de Aurelia manter viva a memoria dos bos segue pendente e resulta, cada vez máis, unha tarefa de risco.

A versión de Aurelia foi adiantada nas páxinas de Nova Galiza en novembro de 1937 polo seu curmán Ramón Rodríguez Mourelos, onde responsabilizou da morte do seu pai e do seu tío a Manuel Castro Castro “O Eirexalba”, sinalando que “leva asasinados nesta vila e noutras da provincia 90 homes. El non fai segredo diso. Dillo a todo ao mundo e parece que ten interese en que o saiban os seus superiores”. A Jesús Casas González, o pai de Aurelia, fuxido desde finais de xullo de 1936, detivérono na Pobra de Brollón e, tras de ser sometido a duras torturas, asasinárono o 6 de agosto. O seu cuñado Ramón Rodríguez Maceda, pai de Ramón Rodríguez Mourelos, apresado após acudir ao velorio deste, apareceu morto e mutilado o 9 de agosto.

Jesús Casas González “O Inverno”, militante libertario e recoñecido dirixente social nas terras do Incio, após unha breve estadía migratoria na República de Cuba, na compaña da súa muller e fillas, regresou á Galiza en 1928, desenvolvendo unha importante actividade política e social como líder popular. A crónica de Aurelia Casas documentou a participación do seu pai nalgúns destes conflitos, como o de Monteagudo, que “era un monte comunitario para todos os veciños por igual, e o asasino de ‘Casa Arturo’ cercou a mellor parte para el só. Os nosos pais lembráronlles que ben sabían, que tanto os Zagarros, Caraballos, o Calixto, os Pintos, o Gaiteiro e os Cabazos, non tiña máis que ese monte e por iso sacaron a cerca para que os máis pobres puidesen usar todo o monte”.

O 11 de maio de 1939 forzas da Garda Civil de Monforte e Sarria tomaron ao asalto a “Casa do Inverno” na parroquia de Eirexalba no Incio na busca de varios fuxidos que se refuxiaran na mesma, ficando mortos após o enfrontamento o xefe de liña da benemérita de Sarria, Manuel Castro Lebón, Benigno Díaz González e un compañeiro seu coñecido como “Enrique de Vigo”, agochados no segundo andar da vivenda desde practicamente 1937. A consecuencia das feridas producidas por unhas bombas de man nunha perna, horas máis tarde faleceu a avoa de Aurelia, Carmen Maceda Macía, á idade de 72 anos.

A morte de Anuncia Rodríguez

Aurelia Casas recolleu na súa crónica que “os nosos queridos pais e a avoa Carmen eran as mellores persoas que eu coñecín. A nosa avoa Carmen, como non quería estar lonxe da súa filla e das súas netas, comprou as casas e as leiras que hoxe temos na casa da Vila, Casa de Inverno”. A consecuencia daqueles feitos, os fillos de Carme Maceda, Antonio e Anuncia Rodríguez Maceda, foron condenados en consello de guerra a pena de morte, séndolle conmutada posteriormente por cadea perpetua, cumprindo Antonio longos anos de prisión e finando a nai de Aurelia no cárcere de Lugo a causa dunha tuberculose o 31 de decembro de 1941.

A morte de Anuncia Rodríguez Maceda na cadea de Lugo foi o último capítulo do xenocidio ao que someteron a familia “Casa do Inverno”. Aurelia, a primeira das fillas de Anuncia, na altura residente en Lugo e que visitou habitualmente a nai no cárcere provincial e no hospital de Santa Mariña, deixou cumprido testemuño destes feitos. Así, escribiu que “levaron a nosa nai, que na gloria estea, ao cárcere de Lugo, con outras compañeiras de Laiosa e Monforte que era a que me escribía, porque a nosa nai enfermou ao saber que as súas fillas pequenas estaban a pasar penurias e toda clase de penalidades”.

O martirio das nenas da “Casa do Inverno”, abandonadas á solidariedade allea, empregadas como criadas de servir nun sitio e noutro, xornaleiras de xornal e xornadas enteiras, continuou na emigración. Unhas en Venezuela, outras, as máis, nos Estados Unidos, canda os seus curmáns Eva e Ramón, nenos exiliados e emigrantes desde 1937, que denunciaron o terror no Incio primeiro en Cultura Proletaria e despois en Nova Galiza. E sempre presente o da “Casa Arturo” e a memoria dos avós, dos tíos e dos pais, Anuncia Rodríguez e Jesús Casas “O Inverno”.

A memoria do 'Inverno'

Foi o modelo de dirixente social e político habitual nas nosas aldeas e vilas naqueles días republicanos. O seu prestixio social está gravado na memoria popular e os vellos de Eirexalba aínda lembran as súas intervencións públicas e a súa madeira de líder. A memoria de Jesús Casas “O Inverno” permanece intacta pero o seu corpo aínda agarda xustiza nunha fosa común malia a loita sen tregua da súa neta Isabel.
 

Comentarios