martes 20/10/20

A acta fundacional da Mocedade Galeguista de Celanova ve a luz

Este documento inédito foi dado a coñecer esta terza feira polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova. Após 85 anos do gran mitin que decorreu na localidade, o colectivo achega un documento no que aparecen recollidas as sinaturas de Celso Emilio Ferreiro como vicepresidente e Xosé Velo como presidente.


 

Celanova Mocidade Galega
Celso Emilio Ferreiro con outros membros da Mocedade de Celanova: L. Freire, M. Montes, X. Rodríguez Gosende, D. León e O. Pére. Sentados, P. Lezón, Celso Emilio e X. F. Álvarez Bernárdez. (Foto: Fundación Celso Emilio Ferreiro)

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova vén de facer pública unha das copias da acta fundacional da Mocedade Galeguista de Celanova. A peza, que data de 1932 e estaba inédita até hoxe, atopouse na casa familiar do mestre Odilo Pérez Fernández.

Este profesor tiña unha gran amizade con Xosé Velo, o que foi presidente da Mocedade na vila e cuxa sinatura aparece no documento xunto coa do vicepresidente, Celso Emilio Ferreiro.

“A importancia deste documento reside en que se trata dun documento inédito que nos permite datar a orixe da agrupación celanovesa e saber dos seus fundadores, algúns deles até agora descoñecidos”, destacan fontes do comité.

Ademais dous dous asinantes da acta, sabíase que un vogal era Jesús Román, o secretario Alfonso Álvarez e o tesoureiro da organización Emilio A.Torres.

O Comité de Memoria “revisou a bibliografía publicada e consultou con estudosos do galeguismo como Argimiro Rojo, Xavier Castro, Justo Beramendi e Ramón Nicolás que manifestaron descoñecer o documento” antes de decidir facelo público hoxe, coincidindo co 85 aniversario dun mitin que tivo lugar en Celanova.

O encontro no Teatro Curros Enríquez contaba coa intervención de Velo, Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego e Xaime Illa Couto.

Segundo o experto Justo Beramendi, os membros coñecidos agora daquela primeira directiva son Xosé Álvarez, Celso Emilio Ferreiro, Remixio G. Gándara, Xosé Nogueira Rumbao, Alberto Pérez, Clodomiro Rodríguez Prenta, Carlos Román, Xesús Román, Xulio Sancha, Manuel Soto Montes e Xosé Velo.

O texto da acta aparece en castelán porque era a maneira de que permitiran o seu rexistro oficial. Consta de 9 artigos, que son os estatutos.

Segundo Beramendi, “polo contido do documento, en papel con póliza oficial, é moi posible que sexa copia da documentación que presentaron ás autoridades co gallo da constitución oficial da Mocedade Galeguista de Celanova”.

 

Acta de constitución

comentarios