Fanse 253 anos da súa fundación

A Academia Galega de Agricultura, o proxecto fracasado

O 20 de xaneiro de 1765, hai 253 anos, creábase na Coruña a Academia Galega de Agricultura, un órgano nacido para combater as dificultades polas que atravesaba o agro na época que nin sequera fixo os dez anos.

Sen título

Fanse 253 anos da fundación da Academia Galega de Agricultura, creada en 1765 para tratar de reverter a situación decadente que sufría o agro no país. Concluíu a súa experiencia en 1774, sen sequera facer os dez anos de idade. Sarmiento xa prognosticara o seu fracaso.

Segundo recolle o Boletín da Academia Galega, nos seus estatutos fixábase o número de académicos, 24, sen incluír o presidente, e de correspondentes, 29, de Ourense, Lugo, Betanzos, Santiago, Tui e Mondoñedo, así como o día das reunións, que ficaban estabelecidas nos domingos “por ser o día que se comprende o máis desocupado e acomodado para todos”.

Era función dos académicos correspondentes “remitir á Academia cando menos cinco ou seis memorias ao ano sobre asuntos que lles parecesen máis importantes para adiantar e perfeccionar a agricultura na súa provincia”.

Salientábase que o obxectivo da Academia pasaba por “investigar as causas da decadencia da agricultura nas sete provincias do Reino de Galicia, pois coñecida a enfermidade máis fácil é atopar o remedio”. Unha vez detectada a “enfermidade” da que daba conta os estatutos, isto é, os factores que estaban a provocar o declive do agro, “tratarase de restabelecer a agricultura, estimular o labrador e aínda ás veces premialo e indemnizalo dalgúns gastos que se determinen convenientes, como a compra e condución dalgunhas sementes estranxeiras e plantas; a fábrica e o uso dalgúns novos instrumentos (…)”.

Ademais, era deber dos académicos atopar o cultivo, xénero de planta ou semente que acaese mellor aos diversos terreos en base á súa propia experiencia, pois eran posuidores de parcelas por todo o país.

Un proxecto falido

O desaxuste entre os académicos –moitos deles de procedencia allea a Galiza e descoñecedores do galego– e labregos foi unha das causas da caída da institución, prognosticada anos antes por Sarmiento, quen advertira:

As diferenzas entre os “homes de preitos e pluma” e os homes do campo facían inviábel a Academia

¿Quién persuadirá a los labradores gallegos que les será útil una Academia de Agricultura fundada en el lugar más arenoso y estéril de Galicia, cual es La Coruña, y en donde los más de los habitantes son hombres de pleitos y de pluma, o son de espada y milicia, o son de bolsa y comercio, o son una tropa de extranjeros advenedizos que no saben una palabra ni un verbo de la lengua gallega, tan preciosa para hablar con los labradores gallegos puros? ¿Si los gallegos que tienen hebillas en los zapatos hacen estudio de huir de la lengua que han mamado por no manchar el armiño del idioma castellano pegadizo a uso del país, que se podrá esperar de ellas y de los extraños para la Agricultura e Historia Natural de Galicia?”.

Os feitos déronlle a razón a Sarmiento, as diferenzas entre os “homes de preitos e pluma” e os homes do campo facían inviábel a Academia, que estivo presidida no primeiro momento por Julian Robiou, un latifundista andaluz que contaba co título de Marqués de Piedrabuena. Nin o entusiasmo que puxera Cornide Saavedra na fundación da institución impediu o seu feche en 1774.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios