martes 29/09/20
Memoria

"Sen acabar coa impunidade non hai xustiza": primeiras reaccións á Lei de Memoria Democrática

Após facerse público o anteproxecto da Lei de Memoria Democrática, 'Nos Diario' recolle as primeiras impresións desde a base social que leva reivindidando a memoria histórica durante décadas, que se ben recoñece certos avances ou aspectos positivos no texto, chama a atención sobre a permanencia da impunidade que se reflicte especialmente na Lei de Amnistía de 1977, un punto fundamental sen o que, coinciden, non pode existir verdadeira xustiza.

Val dos Caidos
Val dos Caidos

Consello de Ministras e Ministros do Estado vén de aprobar o anteproxecto de Lei de Memoria Democrática, un texto de 66 artigos que viran arredor do recoñecemento das persoas que padeceron "persecución ou violencia por razóns políticas, ideolóxicas, de conciencia ou crenza relixiosa, de orientación e identidade sexual", durante o período que vai de 1936 até a promulgación da Constitución de 1978.

Con todo, aínda que se recollen accións que viñan sendo reivindicadas durante anos, as voces das integrantes do movemento memorialista, que atopou na sociedade civil o seu auténtico azo de supervivencia, reclaman que se mantén vixente o alicerce fundamental sen o que non pode existir a xustiza: a impunidade.

Para Xoán Carlos Garrido, á agarda dunha lectura detida do texto, o feito de que non se contemplen mudanzas da Lei de Amnistía significa "esquivar o problema". "Mentres esta exista é moi difícil traballar, xa non na impunidade, senón na propia investigación", afirma o sindicalista e historiador.

Así, por investigar unha persoa responsábel dun asasinato na época "pódente denunciar a ti", comenta. Ademais, Garrido atende á falta de coherencia coa lexislación a nivel internacional: "Non cabe na cabeza de ninguén que se poida perdoar alguén que non é condenado".

Lavado de cara

"Calquera mellora é ben recibida, unha conquista", celebra Garrido. Porén, considera que os propósitos do texto responden máis a limpar a imaxe que o Estado ten internacionalmente, "penosa a nivel de dereitos humanos", cuns avances que chegan tarde, ante unha "situación insostíbel quer a nivel interno quer externo". Mais de haber vontade, a Lei de Amnistía debería estar no punto de mira.

"Calquera mellora é ben recibida, unha conquista", celebra Garrido

Montse Fajardo, xornalista e integrante da Iniciativa Galega Pola Memoria (IGPM), tamén pendente dunha lectura máis detida, manifesta que o anteproxecto recolle cuestións moi importantes, como o relativo ás foxas ou á investigación, mais a priori deixa fóra a impunidade.

A respecto da primeira, asúmese como responsabilidade da Administración estatal garantir o dereito á verdade das vítimas, para o que se mencionan medidas como o impulso ao mapa de foxas, o protocolo de exhumacións ou a creación do Banco Nacional de ADN de Vítimas da Guerra Civil e a Ditadura.

Recóllese tamén a elaboración dun Censo Nacional de Vítimas da Guerra Civil e a Ditadura, ou a regulación, para garantir a súa protección, do acceso a fondos e arquivos públicos e privados. Matías da Torre, voceiro da IGPM, sinala isto último como fundamental para a investigación, consciente de que a eliminación das trabas actuais pasa pola modificación da base xurídica.

Da Torre fai mención de todos eses aspectos que responden a unha serie de demandas que levan a facer durante anos, como a retirada da simboloxía franquista ou a revogación de distincións, títulos e honores outorgados no período.

Con todo, lamenta que o texto saíse sen un proceso previo co tecido que leva sostendo e reivindicando a memoria durante décadas. "Se se quere que as cousas vaian consensuadas, o lóxico é que se fagan así", di, aínda consciente de que non é o habitual.

Para alén do máis, expresa o descontento pola ausencia da súa entidade na xuntanza convocada onte polo Ministerio con colectivos da memoria, cando son unha rede que representa 30 grupos, e agarda que si haxa un período de achegas e alegacións.

Nunha valoración preliminar, para Da Torre o anteproxecto recoñece "carencias da anterior lei de 2007, que era moi tímida e mesmo así, en moitos casos, non chegou a cumprirse". É por iso que chama a que moitas das liñas que se formulan no anteproxecto "non queden nunha declaración de intencións, que non sexa unha oportunidade perdida".

Continúa a impunidade

Cunha argumentación semellante, se ben o historiador Dionisio Pereira tamén entende cuestións positivas, advirte con prudencia que cómpre agardar a ver como se materializan e, nunha primeira impresión, valora negativamente o anteproxecto.

Aínda que destaca que non hai unanimidade na análise dalgúns puntos, expostos con ambigüidade, pensa que non se avanza no tema fundamental da impunidade e que, precisamente por iso, o texto fai avances moi curtos en relación á actual Lei de Memoria Histórica, que xa considera "capada".

"Agardamos que a lei non sexa unha oportunidade perdida", comenta Da Torre

Da Torre apela á necesidade dunha "mudanza no marco legal existente", seguindo as directrices en materia de dereitos humanos da Organización das Nacións Unidas, ao que o Estado español semella aínda resistirse, sen admitir "crimes de lesa humanidade que non prescriben e deben ser perseguidos".

"Sen a derrogación da impunidade non pode haber xustiza, é un placebo", sentencia Pereira.  A creación que anuncia o texto dunha Fiscalía de Sala para a investigación dos feitos producidos durante a Guerra Civil española e a Ditadura. "Para que serve unha fiscalía co contexto da impunidade?", pregunta Pereira.

O historiador fai ao tempo referencia a algúns detalles do anteproxecto que considera significativos, como a anulación dos consellos de guerra, algo que, segundo contextualiza, xa se fixo en Catalunya en 2017.

O texto declara o carácter nulo de todas as condenas e sancións impostas no intervalo polos órganos de represión franquista, considerados ilexítimos. Mais a anulación "non contempla que o Estado asuma a súa responsabilidade", matiza Pereira, nin unha reparación ás vítimas, algo que pon en relación co comportamento de Francia ou Alemaña.

Desafíos por cumprir

A ilegalización da Fundación Franco tampouco fica clara para Pereira, mais o presidente desta xa anunciou que, de finalmente ser así, a entidade inscribirase noutro Estado para continuar coa súa actividade de enaltecemento do ditador.

"Ademais non se ilegaliza o franquismo", acrecenta Pereira, "hai 260 leis aínda vixentes e unha persistencia de adxudicacións infestadas de complicidades co réxime".

Da Torre, neste senso, tamén chama a atención sobre o recoñecemento do papel da Igrexa na represión, o recoñecemento da guerrilla e a inclusión no currículo non só dunha perspectiva histórica, senón tamén en do incumprimento dos dereitos humanos.

Por último, menciona a pertinencia dunha descentralización das políticas públicas da memoria, pois non todos os territorios viviron as mesmas realidades. "Aquí houbo represión desde o primeiro momento, pero noutros lugares existiu fronte armada", matiza.

"Sen acabar coa impunidade non hai xustiza": primeiras reaccións á Lei de Memoria...
comentarios