A AC Alexandre Bóveda e o Foro Cívico asinan un protocolo de colaboración

O protocolo terá unha duración dun ano e unha asemblea do Foro Cívico avaliará esta colaboración a finais de 2020.

María Xosé Bravo preside a Asociación Cultural Alexandre Bóveda
photo_camera María Xosé Bravo preside a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Foto: Nós Diario).

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda e o Foro Cívico veñen de facer público o anuncio da sinatura dun protocolo de colaboración entre ambas entidades. O protocolo terá unha duración dun ano e unha asemblea do Foro Cívico avaliará esta colaboración a finais de 2020.

Durante este proceso todas as persoas socias do Foro Cívico terán os mesmos dereitos que as socias da Asociación Cultural Alexandre Bóveda en canto á participación nas actividades.

Ademais, as socias do Foro Cívico recibirán información de todas as actividades organizadas pola AC Alexandre Bóveda e o local social do Foro Cívico -a efectos de reunións da Xunta Directiva, asembleas, actos e comunicación de correos, etc.- estará no local da AC Alexandre Bóveda, na rúa Olmos 16-1º da Coruña.

A Xunta Directiva do Foro Cívico continuará funcionando como tal e as socias e socios da Alexandre Bóveda recibirán invitación para participar nas reunións da Xunta Directiva do Foro Cívico que organice as actividades, como se fose un grupo de traballo máis dentro da asociación.

"Consideramos que este acordo é unha boa noticia para o movemento asociativo da Coruña, xa que se trata de dúas das entidades con máis tradición: Foro Cívico, presidido na actualidade polo xornalista Antón Luaces, ten 28 anos e a A.C. Alexandre Bóveda, que preside María Xosé Bravo, fundouse hai 44 anos", sinalan desde a Alexandre Bóveda, que engaden que "nuns momentos de dispersión ou división, este agrupamento de forzas vai ser moi positivo para incrementar as actividades relacionadas con temas de actualidade".

Comentarios