A Volta das Nove: recuperando a memoria no Val Miñor

Durante décadas tatuaron a terra con nove cruces nun impoñente lugar de memoria de nove homes, nove viúvas e 31 orfas e orfos, por iso quixemos que este ano fose o da Volta das Nove. Eis un estrato da peza publicada no número 373 do semanario en papel Sermos Galiza.
voltanove-foto

O meu tío Tito vivía na Porta da Vila e andaría nos seis anos cando estaba no peirao baionés sorprendido, ollando como descargaban máis de 900 presos cataláns ‑si, xa daquela‑ que viñeran a bordo do Arichachúa, barco fretado pola Cruz Vermella para trasladados ó campo de concentración de Oia. Un daqueles presos políticos meteulle na man un feixe de billetes que lle levou contento á nai, a señora Matilde, A Culebrona, que era alcuño toponímico. Fora abandonada no Cruceiro do Acordo de Mañufe que tiña e ten unha gorda cobra gabeando polo pé dereito. Foi porfillada por unha peixeira de Baiona e a nena foi de por vida Matilde de la Iglesia, alias A Culebrona, filla de crego e muller casada, co home alén mar.

Hoxe o camiño da costa é unha emerxente arteria de acceso de peregrinos a Santiago, entre o 36 e o 39 o percorrido era inverso cara a outros centros relixiosos: O Mosteiro de Oia e o Colexio dos Xesuítas da Pasaxe. A garda civil baionesa e os mozos falanxistas escolleron a madrugada do 16 de outubro de 1936 unha paraxe potente para asasinar.

voltanove-miniAntonia Rial Veiro tiña dous meniños, Eugenio e Víctor, cando lle mataron o seu home, Manuel Aballe Domínguez con 41 anos,  panxoneiro coma Felicísimo A. Pérez Pérez que non tiña fillos coa María, ou coma Modesto Fernández Rodríguez, O Rei Chiquito con 47 anos e cinco criaturas con Rosalía Rodríguez Iglesias. Fora a Baiona arranxar uns papeis e a Panxón xamais volveu vivo.

As tropas entraron no Val de Miñor o 24 de xullo con Sabarís en festas, ducias de homes fuxiron ó monte, devagar fóronse entregando todos, meses máis tarde poucos máis faltaban que O Lolito da Area Alta de Panxón e os irmáns Luís e José López Luís. Este fora líder da Fóra en Bos Aires e aquí tiñan uns ferrados de monte dedicados a millo, patacas, galiñas poñedoras, incubadora... Era A Tomada dos Ineses estandarte do novo rumbo da Galicia rural naquel primeiro terzo do século XX. En Sabarís, Pepe impartía clases de esperanto, que me dixo o señor Manolo O Tourón que foi a elas.

Os irmáns resistiron até o 13 de outubro do 36. Algún bufo decatouse de que Perfeuta levaba víveres de máis e a prensa para a casa do vello que coidaba, Ventura Estévez, octoxenario, cego que tivera o valor de dar acubillo a Pepe, a quen mataron nunha viña, e a Luís, no muro do cemiterio de Sabarís. A casa fora rodeada por valentes falanxistas baioneses, carabineiros e garda  civil de Baiona e Gondomar. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 373 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Comentarios