''AO SERVIZO DOS FRANCO''

A Xunta di que gasta 23.000 na seguridade de Meirás porque ''podería ser albo de actos violentos''

Pese ao argumento dos recortes en Educación ou Sanidade por falta de cartos públicos, o Goberno galego xustifica o investimento no inmóbel propiedade da familia Franco, e matiza que só 8.835 euros corresponden ao custo de seguridade. O resto seica é para manter unha persoa guía, unha programación "didáctica" e un réxime de concertación de visitas

A Xunta da Galiza ten unha xustificación para o gasto de 23.000 euros que destina a pagar a seguridade do Pazo de Meirás durante as visitas que a familia do ditador Franco, propietaria do inmóbel, está obrigada a permitir, por se tratar dun Ben de Interese Cultural. Segundo explicou esta sexta o secretario xeral técnico de Cultura, Jesús Oitavén, seica se trata dunha medida de prevención xa que "existe a posibilidade" de que o inmóbel "sexa albo de actos violentos ou molestos".

Foi a resposta a unha pregunta formulada polo PSOE en comisión parlamentaria, onde precisou que, desa cantidade, ao redor de 8.835 euros corresponden ao custo da seguridade e o resto van parar á contratación dunha persoa guía, unha programación "didáctica" e un réxime de concertación de visitas.

Durante moitos meses os partidos da oposición e algúns colectivos sociais interesáronse polos custos derivados da seguridade do Pazo. Finalmente, sóubose que o gasto ascendía a máis de 32.000 euros, un primeiro convenio de 9.513 euros e unha addenda --que se coñece porque as consellarías están obrigadas a faceren públicos os convenios que asinan cada cuadrimestre, en virtude da Lei de Transparencia-- de 23.000 euros, segundo informou a comezos deste mes a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, que volveu acusar o Goberno de Núñez Feijóo de ficar "ao servizo" d@s Franco.

Non hai cartos públicos, mais o convenio coa familia Franco engorda
Pola mesma vía conduciu os seus argumentos o PSOE. A deputada Concepción Burgo cualificou de "inasumíbel e inaceptábel" o gasto, e considerouno "un trato de favor" á familia do ditador, que ten a obriga de abrir as portas do Pazo de Meirás ao público en virtude da declaración BIC do inmóbel, "mentres o que asume a consellería --de Cultura-- non é obriga ningunha".

En plena crise económica e con Galiza en pé contra uns recortes que tanto o Goberno español como o galego xustifican na falta de cartos públicos, Burgo criticou que pese a que a Xunta "reduce todas as axudas, o convenio cos Franco medra" pase de 18.000 euros no 2011 até o 23.000 neste último exercicio.

Nun documento que o Valedor do Pobo trasladou á CRMH sinalábase que o Executivo galego se compromete, no convenio asinado coa familia Franco, a asumir os custos derivados do desenvolvemento de visitas guiadas e do estabelecemento das condicións de seguridade axeitadas para minimizar os riscos de deterioro do inmóbel co límite total de gastos de 23.000 euros. Alén disto, xustifícase o peche do pazo no mes de agosto --cando a familia Franco se aloxa nel-- aducindo a "imposibilidade" de garantir a seguridade da familia do ditador. Do mesmo xeito, dáse a entender que a situación se prolongará durante este 2012, xa que o informe indica que "está en tramitación un convenio similar nas mesmas condicións de visita que o ano pasado".

Comentarios