DENUNCIA

A Xunta gasta 23.000 euros en garantir a seguridade da familia Franco en Meirás

Alén disto, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denuncia tamén a renovación do convenio que exime a familia do ditador de abrir o Pazo ao pobo cando se aloxa nel

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña volveu acusar ao Goberno de Núñez Feijóo de estar "ao servizo" da familia Franco, tras coñecer o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en que se sinala que a Xunta destina 23.000 euros a pagar a seguridade do Pazo de Meirás durante as visitas que a familia do ditador Franco, propietaria do inmóbel, está obrigada a permitir, por se tratar dun Ben de Interese Cultural.

Durante moitos meses os partidos da oposición e algúns colectivos sociais interesáronse polos custos derivados da seguridade do Pazo. Finalmente, sóubose que o gasto ascendía a máis de 32.000 euros, un primeiro convenio de 9.513 euros e unha addenda --que se coñece porque as consellerías están obrigadas a facer públicos os convenios que asinan cada cuadrimestre, en virtude da Lei de Transparencia-- de 23.000 euros.

O documento, que o Valedor do Pobo trasladou á CRMH, sinala que o Executivo galego se compromete, no convenio asinado coa familia Franco, a asumir os custos derivados do desenvolvemento de visitas guiadas e do estabelecemento das condicións de seguridade axeitadas para minimizar os riscos de deterioro do inmóbel co límite total de gastos de 23.000 euros. Alén disto, xustifícase o peche do pazo no mes de agosto --cando a familia Franco se aloxa nel-- aducindo a "imposibilidade" de garantir a seguridade da familia do ditador. Do mesmo xeito, dáse a entender que a situación se prolongará durante este 2012, xa que o informe indica que "está en tramitación un convenio similar nas mesmas condicións de visita que o ano pasado".

Comentarios