A matanza de Noia de 1910

O 24 de novembro de 1910 a Garda Civil abría fogo contra unha manifestación de tres mil persoas que protestaban en Noia contra a suba do imposto de consumos. A política do mauser volvíase a facerse presente en Galiza como sostén do réxime da I Restauración, provocando nove feridos e a morte de Ricardo Alonso Arias, un mariñeiro de Manle que deixaba cinco fillos, e dunha moza de dezaseis anos chamada Consuelo Queiro Gómez.

Noia
photo_camera Foto de Noia dos anos 10 do pasado século

É probablemente un dos últimos motíns de consumos da historia de Galiza. O imposto de consumos era un tributo indirecto tan ao gusto dos liberais, criado pola lei de reforma tributaria de Mon-Santillán, vixente no Estado español entre 1845 e 1911, suspendido durante un breve período polo goberno da I República e que mereceu a contestación permanente da poboación galega. Á marxe da súa natureza inxusta, ao carecer de ningún tipo de progresividade, do alto grao de ineficacia na súa xestión e das corruptelas provocadas na súa imposición, o eixo fundamental da súa reprobación social derivouse de gravar os bens de primeira necesidade, como se afirmaba na norma “de comer, de beber, de arder”, provocando unha alza nos prezos que favorecía a carestía da vida e aumentaba o desabastecemento das subsistencias. O gravame, obxecto ao tempo dun importante debate doutrinal entre os diferentes actores da política do momento, particularmente entre as diversas correntes do liberalismo, será suprimido por unha modificación lexislativa que deu paso a unha nova norma que comezou a gravar as rendas urbanas.

O 21 de novembro de 1910 arredor de 1.000 veciños concello de Noia desprázanse á vila para protestar pola alza do imposto de consumos. A concesión por parte da corporación local presidida por Severo Gómez Botana da xestión da recadación do tributo a Francisco Pérez Hermo, implicou unha suba moi importante no prezo da carne de porco, pasando a cobrarse a arroba a doce reais fronte aos sete que custaba anteriormente. A resposta da poboación no se fai agardar, enchendo primeiramente as rúas de Noia e reuníndose posteriormente co alcalde que compromete unha rápida solución coa comisión, instándoos a que acudan á localidade tres días máis tarde, coincido coa celebración dunha sesión plenaria, a fin de deixar resolto o problema. Porén, o día 24, nunha nova xuntanza co máximo responsábel da corporación, este muda de opinión, prendendo o lume para unha nova protesta que percorrerá a vila e rematará coa intervención desproporcionada dos axentes da orde.

O 21 de novembro de 1910 arredor de 1.000 veciños concello de Noia desprázanse á vila para protestar pola alza do imposto de consumos

O 24 de novembro a veciñanza, nun número de 3.000 segundo as crónicas xornalísticas, volve a tomar as vilas de Noia. Após abandonar a casa do concello e percorrer a zona do cantón, diríxense á vivenda do contratista do imposto de consumos Pérez Hermo e de Álvarez, un importante comerciante da localidade, a fin de achegar as súas protestas, aparecendo as mesmas custodiadas por números da Garda Civil que ordenan disolverse aos manifestantes. Perante a negativa dos veciños a cumprir coas indicacións das forzas da orde, estas —conformadas por membros do instituto armado da vila pero tamén de concellos veciños como Porto do Son ou Muros— disparan contra os manifestantes provocando dous mortos e varios feridos. Así, entre os primeiros, atopamos Ricardo Alonso Arias, un mariñeiro no lugar de Manle, na parroquia de Barro que deixaba a muller en cinta e cinco fillos, e un moza da vila de dezaseis anos, Consuelo Queiro Gómez. Ao tempo, ficaron feridas outras noves persoas, destacando pola súa gravidade Xosé Ventura Ínsua de corenta e cinco anos, Antonio Ríos Ronquete de quince e Dores Romero de dezasete.

A resposta da Garda Civil e o asasinato de dúas persoas abre unha nova fase no conflito. A vila é paralizada, féchase o comercio, decrétase unha folga xeral, colócanse crespóns negras nas vivendas e o concello paraliza temporalmente a suma do imposto de consumos. O enterro polas dúas vítimas convértese nunha grande mobilización de repulsa, sinalando a prensa a presenza de máis catro mil persoas, iniciándose, ao tempo, unha subscrición popular para recadar fundos para as familias das vítimas, onde se contou co apoio das xentes do Partido Conservador, que vían a ocasión para debilitar o goberno liberal de Canalejas. Aínda así, quen se faría eco no parlamento do acontecido en Noia, solicitando a aclaración dos feitos e esixindo responsabilidades polo acontecido foi Pablo Iglesias, deputado e máximo responsábel do PSOE, o que indicaría unha presenza dos socialistas, no conflito. Pasada a solidariedade inicial, fundamentalmente polo impacto das mortes na opinión pública da comarca e de Galiza, a represión volveu para os veciños, sendo sometidos tres labregos a un consello de guerra, a orde pública estaba militarizada, en Santiago de Compostela o 22 de decembro de 1911.

 

Comentarios