A Fundación Castelao amosa o pesar polo falecemento do seu presidente e fundador

“Fondo pesar” polo pasamento de quen “foi alento desta casa desde o momento da súa fundación”. Así manifesta a Fundación Castelao o lamento para quen, desde o 1989 era o seu presidente e promotor das principais iniciativas arredor da figura do nacionalista.

Avelino Pousa Antelo coa imaxe de Castelao ao fondo.
photo_camera Avelino Pousa Antelo coa imaxe de Castelao ao fondo.

Desde 1989 en que substituíra a Ramón Martínez López, Avelino Pousa Antelo era o acaído presidente da Fundación Castelao. Figura representativa mais tamén operativa, loitou e traballou por desenvolver algunhas das principais iniciativas que a entidade promoveu nos últimos anos para conmemorar e recompilar a obra do autor de Sempre en Galiza. Avelino reclamaba o lugar que Castelao merecía na nosa historia e iso facía que tanto se puxese á fronte de visitas institucionais para demandar atención sobre Castelao como de actos públicos para a difundir. 

Lembra a Fundación Castelao que foi durante a súa presidencia cando se compilou a obra completa do autor de Sempre Galiza, publicada na súa integridade. Con el conmemorárase o 50 aniversario do seu pasamento coa grande exposición que mostrou a súa obra pictórica e gráfica.

Mediante un convenio coa Consellaría de Cultura e Deporte do bipartito comezou un soño longamente acariñado por Avelino Pousa, a catalogación completa da obra de Castelao “nun catálogo que hoxe obra en poder da Consellería de Cultura á espera dun acordo co herdeiro dos dereitos de autor de Castelao para a súa difusión universal a través da rede”, sinalan desde a Fundación.

Comentarios