martes 24/11/20
O operativo das milicias fascistas na comarca de Sarria

A 'Escuadra Negra'

A autodenominada Escuadra Negra de Sarria está asociada a algúns dos capítulos máis terríbeis do terror franquista nesa comarca. Impulsada pola dirección local da Falanxe Española, dirixida naquela altura polo xefe territorial da Galiza, Mario González Zaera, moi ligada ás vellas elites da dereita procedentes da Restauración como o deputado da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), Manuel Saco Rivera.
Milicianos falanxistas da comarca de Sarria. (Foto: Arquivo Nomes e voces)
Milicianos falanxistas da comarca de Sarria. (Foto: Arquivo Nomes e voces)

A “Escuadra Negra ” non é o único operativo paramilitar activo na comarca de Sarria após o alzamento fascista. Ao seu carón actúan milicias organizadas en parroquias e en concellos da contorna así como na área da Ribeira Sacra. Destacan, entre as primeiras, as articuladas en Sarria, mandadas por Manuel Carrozas Varela, Javier Saco Rivera e Manuel López López ‘O Mao de Ribela’, en Paradela, dirixida polo xefe local de milicias por Camilo Rodríguez ‘O Rubio de Vilamaior’ e Manuel Pérez López ‘O Monxo’ ou no Incio, arredor das parroquias de Eirexalba e Laiosa baixo a xefatura de Manuel Díaz Gómez ‘O Chaquetón’. Signifícanse, entre as segundas, as de Bóveda, a cuxa fronte se sitúa Ramón Salgueiro Vázquez e Louredo, as de Monforte e as de Ribas de Sil.

As orixes da Escuadra Negra de Sarria remóntanse aos días posteriores a 18 de xullo de 1936 e o seu nacemento contextualízase no operativo represivo articulado polo franquismo.

Segundo se sinala nun informe da xefatura da Falanxe de Lugo recollido na causa 578/37, que “é publico e notorio, naquela vila de Sarria, que esta ‘Escuadra Negra’ que actuaba por ordes dos entón xefes da Falanxe Eduardo Gómez (alias) Requejo e Mario González Zaera e estes á súa vez semella posíbel que o facían ás ordes do seu constante xefe político e dinástico cacique daquel partido sr. Saco Rivera”. Neste sentido e en idéntico procedemento, o membro da mesma, José Castro Castro, ‘Pepe de Arturo de Eirexalba’ declara “que os xefes da Falanxe de Sarria, Carrozas e Requejo, a cuxas ordes actuaba a escuadra, bautizárona co nome de Escuadra Negra”.

Mario Zaera

A actuación represiva do máximo responsábel da Falanxe na localidade, Eduardo Gómez Requejo, e do xefe territorial da organización na Galiza, o sarriao Mario González Zaera, merece unha consideración particular. Condenados a morte polas autoridades franquistas en 1938 e posteriormente rehabilitados con cargos na Administración, nas causas 1165/36 de Lugo e 1/38 de León recóllense duciasde testemuñas das súas prácticas criminais.

Así, nesta última, nun informe reservado da xefatura nacional de Seguridade sinálase “que aínda se comenta con horror a actuación de ambos en dita vila. Cometéronse toda clase de crimes co obxecto de apropiarse do metálico das súas vítimas e fixéronse toda clase de violacións con mulleres que non tiñan máis delito que gustar fisicamente aos seus inmoladores”.

As coincidencias entre as fontes orais e escritas permiten que nos acheguemos con certa precisión á estrutura organizativa e composición social da milicia fascista. A instrución da causa 578/37 sinala como primeiro responsábel directo da mesma a Manuel Varela Álvarez ‘O Coxo de Bóveda’, un empregado do republicano sarriao asasinado, Vicente Páramo. 

O servizo de información da xefatura da Falanxe de Lugo sinala no procedemento que “nos seus principios dirixiuna o camarada Manuel Varela (alias) Coxo”, apuntando no mesmo sentido José Castro Castro que “esta escuadra estaba mandada no comezo polo ‘Coxo de Bóveda’ e despois por un tal Mendoza da Casa da Picota de Laiosa do Incio”.

Queres seguir coñecendo máis sobre 'Os nomes do terror'? Atoparás o coleccionábel no Nós Diario que tes no quiosque ou na loxa para a súa lectura na nube. Se queres contar con todos os capítulos, subscríbete xa ao diario!

comentarios