No 70 aniversario da morte en combate de Tino, Rufino, Barbarroxa e Carles

A batalla de Luou

O 18 de maio de 1948 son asasinados no lugar de Loureiro na parroquia de Luou en Teo os guerrilleiros antifranquistas Manuel Agrasar “Barbarroxa”, Florentino Menéndez “Tino”, Vicente López “Rufino” e Ricardo Fernández Carles. A súa morte, no marco dun enfrontamento armado de horas coa garda civil, representa un golpe decisivo para a loita guerrilleira nos comarcas do norte de Pontevedra e do sur d´A Coruña.

Guerrilla. Maquis
photo_camera Guerrilleiros antifranquistas galegos

Foi un ano negro para a guerrilla galega. Ao longo de 1948 o  dispositivo represivo do réxime franquista golpea con contundencia nos núcleos operativos da resistencia armada provocando numerosas baixas nas súas filas, debilitando a súa rede de apoios e xerando unha forte sensación de desánimo no conxunto do movemento popular. A ofensiva das forzas de seguridade do estado chegou de xeito indiferente a aqueles guerrilleiros máis veteranos e que levaban practicamente desde 1936 na clandestinidade, como aconteceu co socialista mariñán Luís Trigo Chao “O Gardarríos” ou co libertario Marcelino de la Parra, como tamén a aqueloutros que remataban de chegar á loita como o orosán Antonio Nouche ou o ourolense Benedicto Escourido. Ao tempo, a práctica totalidade do territorio galego viuse afectada pola vaga represiva que rematou por desmantelar organizacións guerrilleiras en diversos puntos da nosa xeografía e descabezar a súa propia dirección.

O 18 de maio de 1948 a Garda Civil toma conta dun destacamento guerrilleiro nunha casa do lugar de Loureiro na parroquia de Luou en Teo, procedendo primeiramente ao cerco  do inmóbel e posteriormente ao incendio da vivenda onde se refuxiaban Benigno Andrade “O Foucellas”, Xosé Ramuñán “Ricardito”, Manuel Agrasar “Barbarroxa”, Florentino Menéndez “Tino”, Vicente López “Rufino” e Ricardo Fernández Carles. Segundo informa Mundo Obrero, no seu número de xuño dese ano, “o enfrontamento alóngase durante varias horas a pesar da superioridade dos efectivos da garda civil, organizando os guerrilleiros a súa defensa e respondendo con enerxía”. Só dous guerrilleiros, Benigno Andrade “O Foucellas” e Xosé Ramuñán “Ricardito”, os máximos responsábeis do comando, conseguen rachar o asedio, morrendo os outros catro máis un garda civil chamado Jardón Castro, a consecuencia dos disparos dos fuxidos.

Os mártires de Luou mereceron un incomprensíbel esquecemento que non se corresponde coa súa entrega e compromiso. Un deles,  Florentino Menéndez “Tino”, natural de Langreu, era un veterano guerrilleiro que xa fixera parte do grupo d´”Os Caxigales” na area central de Asturias, deslocándose posteriormente a  Galiza como traballador nas minas de Fontao, onde se incorpora á dirección do Partido Comunista en Galiza que viña de reorganizar Víctor García “O Brasileiro”, pasando por último á loita armada. Manuel Agrasar “Barbarroxa”, natural de Padrón formou nas filas do exército popular, sendo condenado á pena de morte, unha vez conmutada e tras pasar dous anos de presidio, incorpórase á V agrupación do exercito guerrilleiro. Vicente López “Rufino”, un antigo libertario de Ribeira, ocupou diversos cargos de responsabilidade na organización guerrilleira, chegando a mandar un dos destacamentos do seu grupo. Fernández Carles veciño de Pontecesures, antigo membro do grupo do Corcheiro, no momento da súa morte atesouraba unha longa militancia política e militar.

Só dous guerrilleiros, Benigno Andrade “O Foucellas” e Xosé Ramuñán “Ricardito”, os máximos responsábeis do comando, conseguen rachar o asedio

A caída será definitiva para o futuro da V agrupación. A finais de 1947, seguindo as orientacións de Antonio Seoane, xorde este nova fronte guerrilleira, a cuxa cabeza se sitúa Benigno Andrade “Foucellas” co obxectivo de actuar no norte da provincia de Pontevedra. A organización divida en dous destacamentos, un deles comandado Vicente López “Rufino” e o segundo por Miguel Nicolás “O Corcheiro”, sufrirá o seu primeiro golpe o 9 de abril de 1948 cando este último morre nunha acción armada contra Bieito Rivas en Siador, Silleda. Este primeiro tropezo provocará unha serie de detencións en cadea de enlaces e persoas de apoio nas comarcas da Estrada e do Deza, así como o reagrupamento dos efectivos nun único grupo, boa parte deles, agás os sinalados  Benigno Andrade “Foucellas” e Xosé Ramuñán “Ricardito”, morreran en Luou. Un é máis outro remataron por trasladarse ás comarcas do sur da Coruña, pasando outro dos superviventes, Uxío Rueda, a ocupar labores de dirección a carón de Gaioso e Seoane.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios