A batalla de Leborín

Hai 70 anos, falamos do 2 de Outubro de 1948, onde lle din As Cruces, nos montes de Leborín, alá nas terras de Ourol, onde os montes do Xistral se achegan ás terras do Valadouro e da Mariña, librouse unha batalla que marcou o desenvolvemento da loita antifranquista no norte galego.

ramon_chaves_francisdco_iglesias_e_francisco_gomez
photo_camera Os guerrilleiros mariñáns Ramón Chaves, Francisco Iglesias e Francisco Gómez nos montes do Xistral. Anos 40.

O 2 de Outubro de 1948 as forzas da Garda Civil e da Brigadilla deron caza no lugar das Cruces nos montes de Leborín, en Miñotos, no concello de Ourol a Xosé Porto Lestegás O Herbellas” e Benedicto Escourido Cobo“O Lúa”, feridos por disparos dunha metralladora, permaneceron varias horas agochados no monte até que a “Brigadilla” despregou cans para ver de localizalos e alumeou a zona cos faros do coche de liña de Galera. Separados por uns 100 metros Porto e Escourido enfrontaron de diferente xeito o seu final. O “Herbellas”, pasou a noite gastando a munición que lle quedaba fronte as forzas represivas, comendo diversos documentos con información da partida se ben reservou unha ultima bala coa que quitarse a vida após lanzar unha granada.  O “Lúa”, fillo de Xosefa Escourido ,detido ao pouco do suicidio do “Hervellas”, será torturado ao longo de varios días sendo asasinado no Salón do Carme de Abaixo (Ourol) onde a Garda Civil parara a xantar.

As causas da caída, as circunstancias das mortes e a identidade das vítimas ficou para sempre no corazón dos protagonistas da loita e na memoria popular. Segundo testemuña un guerrilleiro fuxido a Franza nun informe dirixido á dirección do PCE en 1952, probabelmente se trata de Francisco Rei Balbís “Moncho”, “Benedicto foi recollido polo inimigo tomándoo por morto pero ao decatarse de que vivía trasladárono ao “cuartelillo” onde tentaron facelo falar. Fixéronlle promesas, torturárono, pero todo foi inútil. Benedicto por todo resposta contestaba “non vos direi nada, nin unha palabra”. Após oito días de tortura e ao ver que non sacaban nada, Benedicto foi asasinado. A mesma crónica, sinala que “toda a noite estivo Hervellás combatendo preto dunha estrada. Ao amencer o inimigo lanzouse de novo ao ataque pero Hervellás non lles deixaba levantar cabeza e aínda tivo tempo de fumarse un cigarro puro co que o agasallara un enlace, comeuse o diñeiro que lle quedaba e díxolle ao inimigo mentres combatía polo que loitaba e polo que loitaban eles”.

A  subida ao monte  do Herbellas e  do Lúa é consecuencia da vaga represiva que se desencadea após a morte en combate o 12 de novembro de 1947 do guerrilleiro de Ourol Xosé Vázquez Gómez “Ubaldo”. Xosé Porto Lestegás “O Herbellas”, nado en Mondoñedo, criado no Valadouro e residindo a medio camiño entre Ourol e Viveiro, rexentaba unha panadería nesta última localidade ao tempo que se dedicaba ao trato de gando. A súa militancia socialista levouno a participar na resistencia ao golpe na vila do Landro, condenado en consello de guerra por auxilio e tras cumprir cinco anos de cárcere, comezou a colaborar coa guerrilla, labor favorecido por unha profesión que lle obrigaba a desprazarse polas feiras. Benedicto Escourido Cobo“O Lúa”, carpinteiro e baixista da orquestra de Miñotos, comezou a colaborar cos do monte desde moi novo, como tamén o facía a súa nai, Xosefa Cobo, a mítica rebelde que subiu ao monte após a morte do seu fillo e rematará asasinada o 21 de Xuño de 1949 na bouza do Forcón, na Pena Grande de Silán, canda Celia González  Pernas “Celia da Ferraría”, Xoán Gallego Abeledo “O Comandante”, Xoán Pérez do Pico “Xan de Xenaro”, o guerrilleiro de Grandal, e Manuel Clavero de la Iglesia.

A vida guerrilleira do Herbellas e  do Lúa foi breve pero intensa. Ao pouco de cruzar o rubicón da clandestinidade no chan, Benedicto Escourido, un mozo que no momento do seu asasinato non cumprira aínda os vinte anos, era definido nun informe redactado polo mesmo Xosé Gayoso, como “un xove, con escasas nocións políticas. Será segundo o eduquen. É honrado, está disposto a loitar e ten polo tanto madeira de comunista”. Antes de morrer, todo isto nun ano, chegou a dirixir un destacamento da guerrilla de xentes de ferro, participou nos operativos que remataron co castigo de significados represores como Manuel Pol Pérez, o economo de Bravos, executado o 17 de marzo de 1948 no Alto do Pousadoiro, acusado de participar en varios paseos durante os meses que seguiron ao golpe de estado de 1936 e seguía tocando o baixo canda facía gardas no monte.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios