A asemblea que demandou máis autogoberno para Galiza volve medio milenio despois

O Centro Sociocultural Mingos de Pita, en Melide, acolleu a presentación dunha publicación que documenta a Asemblea de Melide decorrida en 1520, xuntanza que tivo consecuencias políticas no Reino da Galiza.

Un instante da presentación do volume histórico. (Foto: CCG)
photo_camera Un instante da presentación do volume histórico. (Foto: CCG)

Melide acolleu este sábado, xusto 501 anos despois, a presentación dun volume histórico no que se repasa a Asemblea de Melide do 4 de decembro de 1520, cando as principais casas nobiliarias do Reino da Galiza demandaron ao monarca un maior autogoberno.

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; e o alcalde da vila, José Manuel Pérez Penas, prometeran hai un ano que impulsarían a publicación dun libro para documentar e analizar máis polo miúdo a importancia que tivo aquela xuntanza para Galiza, tanto a nivel político como social.

Así, este 4 de decembro o Centro Sociocultural Mingos de Pita foi o lugar elixido para dar a coñecer A unha voz na metade do Reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide, unha publicación coral coordinada polo catedrático de Historia Moderna Pegerto Saavedra e que xa está dispoñíbel para a súa descarga na páxina web do CCG.

“Ben merecen estar na nosa memoria aqueles señores da Galiza de hai 500 anos, que lle plantaron cara ao rei Carlos I, futuro emperador”, afirmou Rosario Álvarez

O libro ten unha estrutura diferenciada en tres bloques, o primeiro dos cales abrangue os temas relacionados directamente con esta reunión. Nel, deixan as súas impresións o propio Saavedra, Ofelia Rey Castelao e Manuel María de Artaza.

A segunda parte, que leva por título “Os poderes señoriais e o poder real”, analiza os grupos aos que pertencían as persoas que estiveron na reunión de Melide e a posterior inclusión da Galiza na política imperial. Aquí, as e os lectores poderán atopar as sinaturas de Antonio Presedo, Gonzalo F. Fernández Suárez, Domingo González Lopo e María del Carmen Saavedra.

O bloque final recolle tanto un traballo sobre o Reino da Galiza como dous que aluden só á vila de Melide. Detrás destes textos están Hortensio Sobrado, Cristina Vázquez Neira, Xurxo Broz e Xosé Manuel Broz.

“Ben merecen estar na nosa memoria aqueles señores da Galiza de hai 500 anos, que lle plantaron cara ao rei Carlos I, futuro emperador”, destacou a presidenta do Consello da Cultura sobre esta obra histórica colectiva dun acontecemento histórico que ten servido de inspiración para outras e outros.

Pola súa banda, o seu homólogo no Parlamento, Miguel Santalices, subliñou a importancia de acadar, a través do volume un "mellor coñecemento da historia dos pais da autonomía galega por antepor o interés xeral aos intereses persoais".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios