95 anos da Asemblea de Lugo: o re-lanzamento da nación galega

Con motivo do 95 aniversario da Asemblea Nacionalista de Lugo revisamos da man do historiador Uxío Breogán Diéguez aquela xuntanza en que as Irmandades da Fala marcaron un punto de inflexión na historia do nacionalismo galego. 

Os días 17 e 18 de 1918 a cidade de Lugo acolleu a I Asemblea nacionalista. Unha xuntanza que constitúe un chanzo fundamental no proceso de "modernización do movemento patriótico galego". Así o define o historiador Uxío Breogán Diéguez en conversa con Sermos Galiza. Mais para Diéguez a revisión daquel acontecemento debe comezar "dous anos antes" cando na Rúa Tabernas --emprazamento da Real Academia Galega-- se desenvolveu a fundación das Irmandades da Fala. 

Era "a primavera de 1916" e a xuntanza fora convocada por Antón Vilar Ponte. O seu obxectivo, narra Uxío Breogán Diéguez, era "artellar a nivel nacional unha organización que puider condensar o ideario" que actuaba a modo de común denominador das perto de 70 persoas alí reunidas á fin de "re-lanzar o proxecto galeguista, amplamente entendido". Ao longo dos seus primeiros anos de existencia, no período que comprende a súa constitución até a I Asemblea Nacionalista desenvolvida en Lugo, a organización debrúzase sobre a "toma de contacto con outras persoas que mesmo non participando desa xuntanza tiñan un sentimento nacionalista" mais sobre todo, salienta, de achegamento "á maioría social do país". 

1916-1918: a transición do rexionalismo ao nacionalismo
Neste senso e após as primeiras roldas de contacto @s militantes das Irmandades da Fala "coidan que sería conveniente desenvolver unha xuntanza na que observar e valorizar o traballo desenvolvido", explica Uxío Breogán. "É aí", acrecenta, "onde debemos situar a I Asemblea nacionalista" de Lugo da que se cumpren xa 95 anos. 

Daquela xuntanza sairía aprobado un Manifesto cuxo elemento "central", salienta Diéguez, "é o seu inicio". Un comezo que supón importantes mudanzas no pensamento político nacionalista até o momento definido. De memoria este historiador e profesor universitario lembra as verbas asinadas polos participantes da Asemblea. "Nós, de hoxe para sempre nomeámonos nacionalistas galegos" porque "a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nen encerra toda a intensidade dos nosos problemas". 

Para Diéguez este manifesto evidencia a existencia "dunha transición" entre a conceptualización "da Galiza en tanto que rexión" [rexionalismo] e "o movemento patriótico que se auto-define como nacionalista". Eis "o fundamental" desta Asemblea, insiste Diéguez Cequiel. 

A partir dese "período de tansición" [1916-1918] iníciase "o soberanismo galego", explica o historiador. E é que o manifesto asinado en Lugo polos representantes das Irmandades da Fala inclúen por vez primeira no seu texto o termo "soberanía". O nacionalismo xurdido das Irmandades non fica só na definición "de Galiza como nación" senón que "de maneira aberta e explícita" recolle "a necesidade e o convencemento de procurar para esa nación unha soberanía plena". 

Un pensamento popular
Soberanía que ao entender dos asinantes ten unha vontade popular pois, "centra o discurso no que son os intereses da maioría social". Neste senso, o programa político "as proclamas" da organización xiran "arredor dos problemas e realidades propias do mundo labrego e mariñeiro", se ben, salienta Diéguez, esas maiorías sociais representaban naquela altura "unha porcentaxe mínima" dos cadros das Irmandades. No entanto, insiste na existencia dunha "sensibilidade a respeito dos intereses" desa "dualidade terra-mar". 

A pegada das mulleres no marco das Irmandades
De igual maneira, salienta o historiador, a presenza das mulleres na organización "non vai ser a desexábel" mais lembra que isto non significa que "non houber mulleres" como acotío semella crear a maior parte da sociedade. A escasa proxección das militantes e o silenzo que tradicionalmente as acompaña fai crer que ningunha muller tomou parte da organización nen participou activamente na construción do ideario político nacionalista. Nada máis lonxe da realidade. "Cómpre salientar", cita a modo de exemplo Uxío Breogán Diéguez, "a figura de María Miramontes" quen xunto a Ánxel Casal "será a ideadora das escolas de primeiro ensino" a primeira tentativa, di, "dun ensino monolingüe en galego" centrado nas problemáticas específicas do país. 

Imaxes: (Capa) Foto de familia da Asemblea Nacionalista de Lugo [1918]. (2) Carné das Irmandades asinado por Vilar Ponte. (3) Fragmento do manifesto asinado en Lugo en 1918.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios