94º aniversario dos mártires de Sobredo

O 28 de novembro de 1922, no lugar de Sobredo (Tui), a garda civil disolvía a tiros unha manifestación contra o embargo a un veciño que se negara a pagar as rendas dun foro. Dous veciños, Joaquín Estévez e Venancio González, e unha veciña, Cándida Rodríguez, eran asasinados por defenderen a dignidade dos labregos e das labregas.

Homenaxe aos mártires de Sobredo
photo_camera Homenaxe aos mártires de Sobredo

Pasaron 94 anos desde que un 28 de novembro dous veciños, Joaquín Estévez e Venancio González, e unha veciña, Cándida Rodríguez, eran asasinados pola Garda Civil cando os axentes disolvían a tiros unha concentración. Máis dunha vintena ficaron feridos e feridas. A veciñanza protestaba contra o embargo dun veciño que se negara a pagar as rendas dun foro, tributo que se mantiña sobre as terras e que eran aboadas polo campesiñado, de maneira anual, após as colleitas das datas próximas ao San Martiño.

Os mártires de Sobredo traen á memoria a loita contra os contratos forais, propios dun réxime escravista medieval

Os mártires de Sobredo traen á memoria a loita contra os contratos forais, propios dun réxime escravista medieval, e son xa símbolo do campesiñado abafado polos tributos inxustos. Sobredo súmase, así, a outras loitas populares como as de Oseira, Nebra ou Sofán.

En novembro de 1932, dez anos despois dos feitos, erguíase o monumento na memoria dos mártires por subscrición popular, mais os fascistas dinamitaron a obra en xullo do 1936, coincidindo coa disolución das sociedades agrarias. Cincuenta anos despois da súa destrución, en 1986, reivindicouse o papel dos mártires e entidades sociais da bisbarra promoveron a reconstrución do monumento.

Acto de lembranza

Para lembrar os tres mártires e as persoas feridas, veciños e veciñas participaron na concentración convocada na mañá do domingo polo Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo-IEAMSO na carballeira de Sobredo, desde onde se desprazaron até o monumento de 1932 que conmemora os asasinados. Máis tarde tivo lugar o acto, en que tomaron a palabra María do Mar Pérez Fra, profesora de Economía Aplicada na USC, e María Xosé Queizán, escritora. O acto finalizou coa ofrenda floral e con actuacións musicais.

Comentarios