Homenaxes

82 anos do asasinato de Ánxel Casal

Con agosto chegan os aniversarios dos asasinatos dos mártires que deron a súa vida por Galiza. Un deles foi Ánxel Casal, que tal día como hoxe era paseado polos falanxistas e asasinado nunha curva de Cacheiras, en Teo. Recuperamos a traxectoria do militante do Partido Galeguista que foi alcalde de Compostela.

Detalle do retrato de Ánxel Casal que lle fixo Camilo Díaz Baliño no cárcere de Santiago
photo_camera Detalle do retrato de Ánxel Casal que lle fixo Camilo Díaz Baliño no cárcere de Santiago

O seu derradeiro retrato trazouno a lapis Camilo Díaz Baliño cando ambos estaban presos no cárcere da Falcona, en Santiago. Pouco despois, Ánxel Casal era asasinado.

Membro das Irmandades da Fala desde a súa creación, foi un dos asinantes do Manifesto de Lugo, o documento fundacional do nacionalismo galego. Xunto a súa dona, María Miramontes, dixiriu as Escolas do Insiño Galego.

A partir de 1924 destacouse polo seu labor editorial coa lingua galega como centro de acción. Creou Lar con Leandro Carré Alvarellos e posteriormente fundou a editorial Nós. Foi Ánxel Casal quen editou, entre outros, Otero, Risco, Castelao, Cunqueiro, Manoel Antonio, Ramón Vilar Ponte, Cabanillas, Blanco Amor, Amado Carballo, Víctor Casas, Filgueira Valverde… e con el colaboraron ilustradores da talla de Seoane, Camilo Díaz Baliño ou Maside. Aliás, da súa imprenta saíron publicacións como a revista Nós ou A Nosa Terra.

Militante desde a súa fundación do Partido Galeguista, foi alcalde de Compostela desde febreiro de 1936 até o 9 de xullo. Tamén foi vicepresidente da deputación coruñesa e do comité executivo para o Estatuto. Precisamente, o 16 de xullo, Ánxel Casal entregaba nas Cortes o texto estatutario aprobado o 28 de xuño.

Após o golpe de estado fuxiu para Vilantime, parroquia de Arzúa, e foi detido o 4 de agosto. O día 19 o seu corpo aparecía xunto ao de José Areosa Devesa nunha gabia da estrada de Cacheiras, onde hoxe lembra o asasinato un pequeno monumento.

Homenaxes

O Concello de Teo organiza a homenaxe “Lembrando as vítimas da infamia”, con motivo do 82 aniversario do asasinato de Ánxel Casal. Terá lugar este domingo, 19 de agosto, ás 20 horas no lugar da Estivada da Ribeira (Cacheiras).

Intervirán no acto representantes dos concellos de Compostela, da Coruña e Arzúa e mais de Teo, encabezados polo alcalde, Rafael Sixto.

Por outra parte, para honrar a memoria de quen fora o alcalde de Compostela, o BNG organiza esta segunda feira, 20 de agosto, un acto aberto que contará coa participación de Goretti Sanmartín Rei, portavoz municipal do BNG en Santiago e vicepresidenta da Deputación da Coruña, e coas actuación dos Enxebres de San Lázaro e de Fiz de Cotobelo (Suso Martínez), quen interpretará Ánxel Casal.

O acto terá lugar ás 12 horas na Praza 8 de Marzo ao pé do que foi o almacén da editorial Nós. A formación nacionalista tamén reivindicará a figura das mulleres represaliadas, como foi o caso da propia María Miramontes.

Comentarios