7M, 70 aniversario do asasinato do nacionalista Francisco García Moldes

O sete de maio de 1948 era asasinado nun café d´O Grove Francisco García Moldes, significado militante do Partido Galeguista desta localidade, na altura comprometido coa loita clandestina contra o réxime franquista. Aproveitamos logo a onomástica da súa morte para arrancar do esquecemento a figura destoutro mártir da loita nacionalista asasinado con tan só trinta e sete anos.

Screen Shot 2018-05-05 at 19.34.58
photo_camera Francisco García Moldes coa compañeira e coas fillas.

Hai setenta anos, falamos da unha da madrugada do sete de maio de 1948, era asasinado nun café da rúa Principal d´O Grove Francisco García Moldes. Os autores, o comandante de posto da garda civil e un falanxista apelidado Soto, que antes de sentar García Moldes ordenaron ao dono do bar baixar os machetes da electricidade para deixar o local a escuras, abaténdoo posteriormente con varios disparos, un deles, que resultaría definitivo, na cabeza. A versión oficial, difundida na documentación gobernativa ou nos medios de prensa, naquela linguaxe tan característica do franquismo, tentou reducir o crime a “un desafortunado accidente”; porén, a versión popular, da familia, entre elas a viúva, e das persoas máis próximas a García Moldes, como Manuel Lueiro Rei non dubidan do carácter premeditado e político da acción represiva. Segundo Antón Mascato, a persoa que máis e mellor estudou a figura de García Moldes, non hai dubida de que se tratou dun crime político como consecuencia da actuación que desenvolveu e desenvolvía.

Foi un patriota dunha peza. Militante nacionalista desde os días escolares en Pontevedra, xogou un papel chave na reactivación do Partido Galeguista n´O Grove por volta de 1934. A organización local do nacionalismo arranca en 1930 coa constitución do “Grupo Autonomista Republicano”, entidade presidida por Xesús Besada, que apoiará a candidatura de Castelao, Cabanillas e Paz Andrade nas eleccións constituíntes e participará na fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931, entrando de seguido nunha fase sen actividade. A conformación dun novo núcleo de dirección en febreiro de 1935 -do que facían parte Xacobe Barral Otero como presidente, Francisco O. García como vicepresidente, Uxío Lueiro Rei como secretario, Xoán Domínguez Prol como vicesecretario, Ramón Arce Millares como tesoureiro Alexandre Padín Bea como contador e o propio García Moldes- será decisiva neste proceso que rematará por situar un nacionalista como derradeiro alcalde do período republicano.

As súas pegadas ficaron gravadas a lume nas loitas sociais, políticas e culturais d´O Grove. Afiliado á “Federación de Trabajadores de la Enseñanza”, póla do ensino da UXT, promoverá en 1934, canda outros mestres do Grove coma Uxío Lueiro Rei, Xacobe Barral Otero, Xaime Bargués Benavides ou Xoán Domínguez Prol, a creación dunha plataforma contra a política educativa do Goberno, publicando un manifesto a tal efecto no que denuncian “el nuevo plan profesional, la supresión de conmutación de asignaturas en los instituto y ahora con el cursillo oposición especial”. Ao tempo, participará do sindicato de oficios varios da súa localidade, intervindo no mitin de remate da xornada do 1º de Maio de 1934 canda Xosé Besada Álvarez e Constantino Silva Torres que rematará coa proclamación de Francisca Godai Caamaño como “Miss Obrera”. Os seus artigos de prensa, moi particularmente no xornal El País de Pontevedra, dirixido por Blanco Torres, dan conta das súas preocupación sociais, da feitura humana, do seu pouso doutrinal e tamén, da súa fondura analítica, que chegaría a impactar no propio Alexandre Bóveda

Non se rendeu. As particulares circunstancias políticas que seguen ao golpe de estado franquista de 1936, obrigan a García Moldes a incorporarse ao exercito fascista, porén aproveitará a súa situación persoal, promovido a xurídico militar, para tentar de axudar os demócratas que estaban a ser procesados nos consellos de guerra, como aconteceu co caso de Manuel Filgueira, a quen salvou dunha morte segura. Unha vez licenciado, retorna ao maxisterio, mantendo o seu compromiso político intacto, participando así en actividades de carácter antifascista e tamén culturais, como a posta en escena da obra O señor Feudal, ou quen Matou ao Meco, convertida nunha crítica ao franquismo. Non pasaran dous meses da súa representación, contaba só con trinta e sete anos, cando foi asasinado, lembrando posteriormente o seu amigo e camarada de loita Manuel Lueiro Rei, “Entras no noso corazón e na lembranza, coma aqueles aos que recordabamos hai só dous meses cando praparamos a folla O Meco, a morte rondaba perto, amigo Paco”.

Comentarios