72 aniversario da liberación de Auschwitz: Os galegos presos e mortos nos campos de exterminio nazis

O 27 de xaneiro de 1945 o exército vermello liberaba o campo de concentración de Auschwitz-Birkenau, no sur de Polonia. Desde 2007 nesa data conmemórase o Día internacional en memoria das vítimas do holocausto. Unha data para ter presente o horror dos campos de exterminio nazis onde foron asasinadas millóns de persoas. Entre elas, máis dun cento de galegos: en Mauthausen, Dachau e Sanhsenhausen.

mauthausen campo prisioneiro nazi
photo_camera Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria).

“En Galiza aínda se descoñece que nos campos de concentración nazis había republicanos galegos”. Afirmábao o verán pasado en conversa con Sermos Galiza Heladio Anxo Fernández, coordenador dunhas xornadas en Monterrei en homenaxe ao seu veciño Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria). Varios centos de galegos pasaron polos campos de exterminio nazis difire. Principalmente Mauthausen-Gusen, mais tamén houbo galegos en Dachau (onde se facían experimentos cos prisioneiros) ou Sanhsenhausen, onde foron asasinadas máis de 30.000 persoas.

O 27 de xaneiro conmemórase O Día internacional en memoria das vítimas do holocausto. A data elexida é a da liberación de Auschwitz, o 27 de xaneiro de 1945 polo Exército Vermello. “A primeira patrulla rusa veu o campo no mediodía do 27 de xaneiro de 1945...”. Así lembraba Primo Leví en ‘A Tregua’ o inicio do que ía ser a liberación deste campo de exterminio situado en Polonia e cuxo nome pasou resumir o horror do inferno nacional-socialista.

A Pobra, Bueu, As Nogais, Baltar...

Mauthausen-Gusen foi o principal destino para os galegos que acababan nos campos de concentración. En 1943 foi clasificado como de ‘categoría III’, o que supuña moita maior severidade e castigos. No seu tempo tivo a mortalidade máis alta de entre os campos do III Reich. En 1942 había alí 14.000 presos, En 1945, en Mauthausen e subcampos, 84.000. Tamén galegos. Os prisioneiros eran empregados como man de obra para traballar en condicións escravistas na canteira de granito.

Segundo ‘Triángulo azul: los republicanos españoles en Mauthausen 1940-45’, nese campo morreron 102 galegos. A maior parte deles, segundo os arquivos, de cidades, vilas e aldeas da provincia da Coruña (42 mortos): Ferrol, A Pobra do Caramiñal, Fisterra, Malpica, Mugardos...  Da provincia de Lugo, 21 mortos nese campo (presos orixinarios de localidades como As Nogais ou Viveiro, por exemplo). Outras 21, de Ourense (Baltar, A Veiga...). Un total de 18, da provincia de Pontevedra, de vilas como Bueu, Carril, Vilagarcía ou cidades como Vigo. A morte axexaba de todos os xeitos posíbeis aos republicanos alí presos: rebentados polo duro traballo inhumano na canteira, fusilados, afogados, colgados ou mallados a paus.

Os republicanos comezaron a chegar a ese campo de concentración en 1940. En abril de 1941, segundo as listaxes, rexístranse as primeiras mortes de galegos. José Fidalgo (Castiñeiras-Ribeira) e Francisco Varela (Vilagarcía). En febreiro de 1945, poucos meses antes da liberación deste campo, falecía Arturo Gómez, de Pontevedra. Un cento de galegos deixaron a vida nese campo de exterminio.

Dachau: o laboratorio dos experimentos con humanos

Mais non só en Mauthausen foron asasinados presos galegos. En Dachau, perto de Munich e dirixido por T. Eicke, e onde se levaron centos de experimentos con prisioneir@s; tense constancia de 2 galegos que perderon alí a vida: Santiago Durán (de Ribadavia) e Eliberto Fernández Cid (Augassantas). Por Dachau pasaron 200.000 prisioneiros de 30 países. No campo de Sanhsenhausen (Brandenburgo) morreu o veciño de Vilaboa Antonio S. Nogueira. En Sanhsenhausen –onde, entre outros, estivo preso Largo Caballero, presidente do goberno na II República española- foron assasinadas por volta de 30.000 persoas.

Perto de 9.000 republicanos, entre eles centos de galegos, foron deportados a Alemaña. Sobreviviron pouco máis de 2.000. 

Comentarios