65 anos do pasamento de Castelao

No aniversario da morte do de Rianxo diversos actos honras a vida e obra da figura central do nacionalismo galego. 

Castelao

Esta cuarta feira (7 de xaneiro) cumpríronse 65 anos do pasamento de Castelao. O político, debuxante e escritor nacionalista finou na cidade de Bos Aires a causa dun cancro de pulmón. O 9 de xaneiro, dous días despois do seu pasamento, foi soterrado en Chacarita onde permanecerían os seus restos até xuño de 1984. 

Con motivo do 65º aniversario da súa morte diversos colectivos desenvolven senllos actos de lembranza e homenaxe a quen foi a figura central do nacionalismo galego. 

Esta cuarta feira a Fundación que leva o seu nome organizou no Panteón de Galegos Ilustres, onde se atopan os seus restos, un acto ao que asistiron o presidente da entidade, Carlos Mella, a historiadora Encarna Otero, o ex-portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, Tuco Cerviño, ex-deputado do PSOE e o académico Xosé Luís Axeitos, entre outras persoas. 

Aliás, o día 10 de xaneiro o BNG organiza unha homenaxe en Rianxo, vila natal de Castelao. A organización frontista desenvolverá un roteiro musical e poético co que lembrar a vida, obra e pensamento de Castelao e que partirá ás 11.00h da Casa do Concello. 

Asemade, a asemblea local do Bloque en Catalunya aproveitou a data para denunciar o estado no que se atopa a estatua en lembranza do de Rianxo na cidade de Barcelona. Desde a organización frontista iniciaron contactos co goberno da cidade condal para instar á súa recuperación.  

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios