45 anos da marcha antinuclear de Xove

Hai 45 anos escribiuse unha das páxinas máis importantes da loita popular e ecoloxista na Galiza. Oito mil persoas persoas, respondendo a unha convocatoria das Comisións Labregas, deron un paso decisivo na paralización da central nuclear proxectada por Fenosa na Galiza.
Marcha en Xove (Foto: Pablo Viz)
photo_camera Marcha en Xove (Foto: Pablo Viz)

O 10 de abril de 1977, hai hoxe 45 anos, unhas oito mil persoas manifestábanse en Xove para protestar contra a instalación dunha central nuclear na zona de Regodela. Previamente, máis de 4.000 participantes marcharan a pé dende Videiro, a doce quilómetros de distancia, pola estrada da costa.

A comezos de xaneiro daquel ano, as organización sociais e políticas do nacionalismo, agrupadas no que na altura se coñecía como movemento nacional popular galego, convocaron a gran manifestación contra o proxecto de central nuclear, tentando socializar o conflito a nivel nacional. A autorización para a marcha fora denegada polo gobernador civil de Lugo dous días antes, mais os organizadores decidiron seguir co proxectado, sen que se rexistraran, porén, incidentes.

No adro da parroquia, tomaron a palabra Manuel Barbeito, veciño das Encrobas que expresou a solidariedade desta localidade coa loita de Xove; Antonio Pernas, membro das Comisións Labregas de Xove; Emilio López Pérez “Milucho”, dirixente das Comisións Labregas, e Ramón Valcarce Vega, o “crego das Encrobas”.

Ao remate da marcha, unha delegación da dirección da UPG, encabezada por Elvira Souto, mantivo unha reunión cos afectados nos terreos onde estaba previsto instalar a central, dirixíndolles a palabra Ramón Múñiz, responsábel do sector agrario daquel partido.

 

Os militantes nacionalistas desenvolveron un un intenso traballo de informar e concienciar a veciñanza, ao tempo que iniciaban unha campaña de axitación diante dos sectores directamente afectados.

A marcha que lexitimou o nacionalismo

O conflito remontábase ao ano 1973. Un consorcio conformado por Fenosa, Electra del Viesgo e Hidroeléctrica do Cantábrico fixo pública, naquel ano, a súa decisión de instalar na Regodela (Xove) unha central nuclear.

As razóns para opoñerse á central nuclear eran de carácter ambiental, de seguridade -o emprazamento da planta situábase enriba dunha falla- e económico, na medida en que reflectía un modelo de desenvolvemento de enclave propio das realidades coloniais.

O nacionalismo axiña deixou clara a súa oposición ao proxecto. Os militantes nacionalistas desenvolveron un un intenso traballo de informar e concienciar a veciñanza, ao tempo que iniciaban unha campaña de axitación diante dos sectores directamente afectados. Desde a clandestinidade,  organizáronse xuntanzas e asembleas na contorna de Xove. Ao tempo, leváronse a accións de sabotaxe e portestas que, en varias ocasións, remataron con enfrontamentos coa Garda Civil.

Chegado o día da marcha, 8.000 persoas convocadas polas Comisións Labregas recorreron os trece quilómetros que separan a Viveiro de Xove. A participación na convocatoria superou as expectativas das organizacións que a convocaran.

A resposta popular manifestou a existencia dun estado de opinión decidido a prol da anulación do proxecto e mostrouse decisiva para a paralización definitiva do proxecto da central nuclear, acordada finalmente en 1982.

Ademais, constituía un apoio definitivo á alternativa nacionalista e lexitimaba a súa legalización polo pobo, nun momento en que o sistema se empeñaba a manter fóra da lei a alternativa rupturista mentres legalizaba a esquerda reformista.

Comentarios