40 anos dunhas eleccións nas que perdeu Galiza

Eran unhas eleccións convocadas para lexitimar o proceso de reforma política iniciada após a morte de Franco.

Mitin BN-PG en Monforte.
photo_camera Mitin do BNPG en Monforte, 1977. De esquerda a dereita: Vicente Arias, Manuel María, Xosé Manuel Pavón, Lois Dieguez e Xosé Manuel Rodríguez Martínez.

Tratábase de validar un modelo deseñado nos grandes centros de poder imperial, nomeadamente en Estados Unidos e Alemaña, pactado entre os herdeiros do franquismo e a práctica totalidade das forzas españolistas que se tiñan oposto á ditadura, blindado polas forzas armadas e coa monarquía situada como chave de bóveda. Ao fin, un novo réxime, continuador do anterior, cuxos sinais de identidade son unha forma de estado unitario fortemente centralizado, baixo verniz autonomista, que nega a plurinacionalidade, un modelo económico confesional cos principios do libre mercado e un europeísmo funcional ás necesidades de expansión do capital. Non deben estrañarnos logo uns resultados electorais que proclamaron como vencedores os herdeiros do franquismo, nomeadamente a UCD, e aquela esquerda que menor compromiso tivera na oposición á ditadura, o PSOE. Unha e outra forza eran os puntais do pacto institucionalizado posteriormente pola Constitución Española, mais tamén o valado fronte á alternativa de ruptura defendida en exclusiva polas forzas nacionalistas. 

O 15 de Xuño de 1977, Galiza volvía votar após corenta anos de franquismo. O reconto electoral situou como primeira forza política a Unión de Centro Democrático, forza liderada por Adolfo Suárez, con 606.727 votos en Galiza, vinte deputados e trece senadores. A seguir, o Partido Socialista Obreiro Español con 175.127 votos e tres deputados; a Alianza Popular de Fraga -con menos apoio electoral co PSOE, 148.239 votos- acadaría máis representación nas Cortes, catro deputados e un senador, conseguindo, por último, tres actas no Senado a Candidatura Democrática Galega, coalición electoral que aglutinaba a totalidade da esquerda reformista. O resto das candidaturas e coalicións electorais que concorreron a este proceso, até un numero de dezaseis, non conseguiron representación, atopándose nesta situación o PCE, após a súa confesión monárquica, o PSG, obrigado a presentar a candidatura tras a negativa do PSOE e do PCE a conformar unha lista unitaria, ou o nacionalismo organizado arredor da UPG e da ANPG.

A franquía galega da UCD era o resultado da converxencia das elites do franquismo en cada unha das provincias que xa tiñan organizadas agrupación electorais desde a segunda metade de 1976

A hexemonía electoral da Unión de Centro Democrático en Galiza era incontestábel. Unha organización patrocinada desde o poder, organizada desde o goberno, encabezada por Adolfo Suárez e conformada polos cargos institucionais da administración franquista reconvertidos a toda présa a demócratas para dirixir a xestión do novo tempo político. A súa franquía galega era o resultado da converxencia das elites do franquismo en cada unha das provincias que xa tiñan organizadas agrupación electorais desde a segunda metade de 1976 coa vista posta nun novo tempo electoral. A sucursal coruñesa xurdía do Partido Galego Independente, impulsado e dirixido polo procurador franquista Xosé Luís Meilán Gil. Outro procurador franquista, neste caso Antonio Rosón Pérez, auténtico dono de Lugo polo control que exercía en toda a provincia a través das “Hermandades de Labradores”, tras romper a ultima hora con Fraga embarca con Suárez. Un caso semellante é o de Ourense, neste caso co protagonismo de Euloxio Gómez Franqueira, conectado con Pío Cabanillas que, por deferencia do mestre de Castrelo de Miño, rematará por encabezar a candidatura. E o mesmo e en Pontevedra, aquí con Víctor Moro á fronte. O groso desta estrutura e tamén da súa clientela remataría engolida, unha vez asentada e transición e nomeadamente despois dos resultados das primeiras eleccións autonómicas, por Alianza Popular.

A Candidatura Democrática Galega será un dos aspectos máis orixinais neste proceso electoral. Impulsada polo grupo Realidade Galega, estrutura para acción política do mundo do piñeirismo, apoiada polo PSOE, PSG, PCE, PGSD, os demócrata cristiáns de Illa Couto e os autodenominados “galeguistas independentes”, situouse como segunda forza para o Senado en A Coruña, Ourense e Pontevedra, situando como senadores a Manuel Iglesias Corral, antigo militante da ORGA e futuro dirixente de AP, Celso Montero, afiliado do PSOE, e Valentín Paz Andrade. Os obxectivos desta coalición non eran outros que empurrar a apuntalar o proceso de reforma política pactado, tentando achegar a ese espazo a sectores da esquerda e do nacionalismo potencialmente favorábeis a unha alternativa de ruptura. Ao tempo a presenza nas súas candidaturas de persoas de testada traxectoria antifranquista abrazados a un proxecto común con sectores procedentes do franquismo lexitimaba a operación. Porén os resultados non puideron ser máis catastróficos unha vez comezada a lexislatura, cun Iglesias Corral incorporado ao grupo parlamentario da UCD, un Celso Montero na disciplina do PSOE e un Paz Andrade en solitaria lealdade ás siglas coas que se presentou.

A UPG e a ANPG non puideron acudir coas súas propias siglas ao proceso electoral ao non ser legalizadas polo Goberno de Suárez

A democracia nunca chega para aqueles que cuestionan o sistema. A UPG e a ANPG non puideron acudir coas súas propias siglas ao proceso electoral ao non ser legalizadas polo Goberno de Suárez, véndose na obriga de promover unha agrupación de electores a través da recollida de sinaturas para dgarantir a presenza do nacionalismo na contenda. Xorde así o Bloque Nacional Popular Galego, cun programa que recolle as propostas das súas organizacións matrices, fundamentado nas Bases Constitucionais da Nación Galega, plataforma de mínimos para a ruptura democrática e para o recoñecemento nacional de Galiza. O Bloque acadará finalmente 22.721 votos  no conxunto do País, despois de ter que reclamar nas xuntas electorais fronte aos resultados provisionais que reducían a súa votación a 13.453 papeletas, destacando  estes naquelas localidades ou zonas onde o nacionalismo mantivera unha forte conflitividade social. Os escasos apoios explícanse pola adversas circunstancias en que se desenvolve a campaña, excluídos dos medios de comunicación, siglas non recoñecíbeis ou falta de medios, pero tamén ten a ver coa debilidade organizativa, cuestión que se irá corrixindo ao longo de 1977 e 1977 en parelelo á conflitividade agraria, laboral e estudantil.

Daquelas como hoxe  impedir un conflito nacional en Galiza nos mesmos termos que en Euskadi e Catalunya é un prioridade central para o Estado

Foi unha vitoria sen paliativos para os promotores do proceso de reforma política. A alternativa rupturista,a representada en Galiza polo BNPG, a que defendía rachar absolutamente co franquismo e avanzar nun proceso de democracia de calidade recoñecendo a plurinacionalidade do Estado, isto é, a que cuestionaba o modelo pactado entre os franquistas e unha parte do españolismo de esquerdas, ficou reducida á mínima expresión. Agora ben, o achique do espazo de ruptura ten un primeiro capítulo nos meses anteriores á xuño, cando algunhas das forzas que tiñan asinada as Bases Constitucionais renuncia á súa defensa. A representación galega nas Cortes Xerais copárona ás forzas de obediencia española, provocando a un tempo que os problemas de Galiza estivesen ausentes ao longo de toda a lexislatura e a desaparición e anulación do noso País na xeografía e nas prioridades políticas do Estado. Daquelas como hoxe  impedir un conflito nacional en Galiza nos mesmos termos que en Euskadi e Catalunya é un prioridade central para o Estado. Hai corenta anos, aquí en Galiza librouse unha batalla capital en defensa dunha democracia merecente de tal nome, fai corenta anos, aquí na Patria plantouse unha arbore que aínda florece.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios