MANUEL MONGE, DA CRMH

‘’Despois de 40 anos de democracia o xefe do Estado español non é quen de condenar a ditadura’'

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña convoca unha concentración ante o Museo de Belas Artes coincidindo coa presenza de Filipe VI para inaugurar unha mostra de Picasso.

monumento vitimas a coruña
photo_camera Monumento vitimas do franquismo na Coruña

Os reis de España visitan A Coruña esta quinta feira para inaugurar a exposición ‘O primeiro Picasso. A Coruña’ no Museo de Belas Artes esta tarde ás 18:30. Á mesma hora e perante ese edificio de Zalaeta, unha concentración convocada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e apoiada por diversos partidos e organizacións, denunciará o abandono das vítimas do franquismo e as responsabilidades neste tema dos actuais responsábeis do estado. Organizacións como o BNG xa anunciaron que non van asistir á inauguración da mostra e que apoian a mobilización da CRMH.

Manuel Monge, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, insiste en que “calquera momento é bo para reivindicar a memoria histórica” e “exixir que se faga xustiza coas vítimas do franquismo”. Esta cuarta feira a CRMH fixo entrega na delegación do Goberno dun escrito dirixido a Filipe VI, eunha misiva na que se emprazaba o Borbón a asumir compromisos neses temas.

“Insólito”

“Que despois de 40 anos de democracia, o xefe do Estado español se negue a condenar unha ditadura é algo insólito no mundo democrático”, di Manuel Monge en conversa con Sermos Galiza. “Imaxinas algo así en Alemania ou Italia? Impensábel”, conclúe. A explicación desa situación hai que procurala, sinala, na transición e no pacto acadado daquela e que garantiu a impunidade para o franquismo. “Franco morre o 20 de novembro. Seis días despois, Juan Carlos de Borbón concédelle o título nobiliario do señorío de Meiras, que herda a familia. Un acto de premio e recoñecemento ao ditador. E ningún goberno desde entón foi quen de cortar, de retirar ese título”.

Ignorar ONU

Que nestes catro anos visitasen o Estado catro delegacións da ONU que en materia de vítimas do franquismo fixeron recomendacións e achegas totalmente ignoradas polos gobernos españois é outra cuestión que salienta Monge. “Esta é outra Marca España, ignorar a ONU cando nos lembra os nosos propios deberes a facer en memoria histórica”. Son, afirma, 150.000 as persoas sen exhumar e no Estado hai por volta de 2.400 fosas comúns con asasinados polo franquismo. “E non se fai nada ante iso”, lamenta.

Escudo franquista en María Pita

Manuel Monge pídelle a Filipe VI que cando entre na Casa do Concello da Coruña “levante a vista” na entrada principal “e verá alí un escudo franquista, que é ilegal desde unha lei de 1981”. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios