40 anos das mobilizacións galegas contra os Pactos da Moncloa

O 27 de xaneiro de 1978 miles de galegas e galegos saían á rúa para protestar contra os Pactos da Moncloa. Unha mobilización masiva contra uns acordos que foron asinados pola totalidade das forzas políticas e sindicais de ámbito estatal e que deterioraron as condicións de vida da clase traballadora.

Pactos da Moncloa.2
photo_camera Mobilización contra os Pactos da Moncloa a 27 de xaneiro de 1978 en Lugo

Convocados pola Intersindical Nacional Galega e as Comisións Labregas -co apoio da organización estudantil ERGA e das forzas políticas do Movemento Nacional Popular Galego, así se coñecían naquela altura a UPG e a ANPG- miles de persoas expresaron o seu rexeitamento a uns pactos asinados en outono de 1977 pola totalidade dos partidos que apoiaron o texto constitucional e os sindicatos de ámbito estatal, isto é, Comisións Obreiras e UXT.

A repercusión da protesta foi proporcional á introdución social do sindicalismo nacionalista, a destacaren os paros en localidades como Carballo, Carballiño, As Pontes, Moaña. Redondela, Arcade, Rianxo, Monforte, Vilalba  ou Viveiro, e as manifestacións nas cidades de Vigo, A Coruña, Ferrol, Compostela, Ourense ou Lugo. Asemade, numerosos comités de empresa, onde a presenza da ING era maioritaria, chamaron á mobilización como os de Termac na Coruña, Campsa, Corvian ou Prebetong en Lugo, Unicar e José Parer en Ourense ou Pontesa, Regojo ou Álvarez en Vigo.

Abriron a porta a un marco laboral máis desregulado, á destrución dun grande número de postos de traballo e a unha perda brutal do poder adquisitivo dos traballadores

As consecuencias sociais e laborais destes acordos foron durísimas. Aprobados no contexto de grave crise económica internacional do capitalismo da década dos setenta e enmarcados na xestión da mesma que deu pé á reacción neoliberal, abriron á porta a un marco laboral máis desregulado, á destrución dun grande número de postos de traballo e a unha perda brutal do poder adquisitivo dos traballadores, ao desligar a suba dos salarios da inflación. Así, limitábase a suba dos salarios a un máximo de 22%, mentres a inflación se situaba arredor de 35%, aplicándose con carácter retroactivo para todos aqueles traballadores cuxos convenios se actualizaban en xaneiro de 1978. Ao tempo, avanzábase no despido libre, permitindo  a todas aquelas empresas que aumentaran o xornal por riba de 22% aos seus empregados despedir até un 5% do cadro de persoal total, cuestión que axudou ás altas taxas de desemprego da época. Na mesma orientación, conxelábanse ás partidas orzamentarias para combater o desemprego e implementar políticas públicas que posibilitasen a creación dos postos de traballo, a cargar a totalidade dos custos da crise nas clases populares.

Os Pactos da Moncloa serviron para disciplinar a clase traballadora e blindar o proceso de reforma pactada. Significaron una sorte de ensaio xeral das políticas de pacto e concertación, o que abriu o camiño a unha práctica sindical descoñecida até o momento, fundamentalmente no caso de Comisións Obreiras. Os resultados máis evidentes desas políticas serán o debilitamento das posicións dos sectores populares e un movemento na correlación de forzas á favor do capital. Prepararon o camiño para a aprobación do texto constitucional, consolidando un novo xeito de relacións políticas, iniciado ao longo de 1976, que daría orixe á denominada cultura da transición, aspecto basilar da tradición política española dos últimos corenta anos. Consolidaron o consenso arredor da hexemonía oligárquica no proceso en marcha, inagurando novas vías de colaboración co réxime, entre as que destacaba a proposta do Partido Comunista de España por integrarse no gabinete de Adolfo Suárez, con Santiago Carrillo como ministro de traballo.

Avanzábase no despido libre, permitindo  a todas aquelas empresas que aumentaran o xornal por riba de 22% aos seus empregados despedir até un 5% do cadro de persoal total

Foi, en definitiva, o programa económico da Constitución española de 1978. A decisión do nacionalismo galego por enfrontar os Pactos da Moncloa -votados favorabelmente pola totalidade do Congreso dos Deputados, coa excepción do deputado da esquerda abertzale Francisco Letamendía “Ortzi”-, responde á particular situación do momento, pero tamén ás posición estratéxicas. Como ten sinalado Xesús Seixo, valorando a xornada de loita do 27 de xaneiro de 1978, “a importancia e o valor desta xornada de loita hai que poñelo en relación co contexto político, social e económico no que se deu, a dous anos da morte do ditador, en pleno proceso de transición política, cunha forte represión e crise económica e co feito de que, por primeira vez e en solitario, se convocaba unha xornada de protesta desas características polo nacionalismo, coa oposición activa do españolismo que levou adiante unha campaña en contra, especialmente da man de CCOO”.

Comentarios