27 de xuño de 1931: cando Galiza se converteu en república

Tan sorpresiva como efémera, a República Galega proclamada hai 86 anos foi froito das mobilizacións operarias e do compromiso dos galeguistas.

I república galega

O Consello de Ministros do 23 de xuño de 1931 acordaba a suspensión definitiva da construción do ferrocarril entre Zamora e A Coruña; o socialista Indalecio Prieto, responsábel de Facenda, non o considera rendíbel. Unha decisión que afectaba de cheo aos máis de 12 mil operarios implicados nestas obras e que comezan unha greve histórica que vai acabar derivando na proclamación, primeiro en Ourense e despois en Compostela, da República Galega.

En Ourense onde "unha multitude presa da indignación" camiñou até a Casa do Concello para erguer "a bandeira azul e branca" e proclamar o 25 de xuño a primeira Republica galega.  Asi o narraba a imprensa da época, que se facía eco dun acontecemento insólito até o momento. Manifestacións populares, encabezadas por obreir@s desempregad@s enchían as rúas ourensás, mais tamén da capital da Galiza e clamaban --inmers@s na greve xeral froito da parálise na construción do ferrocarril entre A Coruña e Zamora-- por un goberno de seu.

Unha Xunta revolucionaria para declarar o Estado galego

Acababa de caer a ditadura de Primo de Rivera e as forzas estatais facían carreira a prol da II República española --cuxas primeiras eleccións a Cortes se producirían un día despois (28 de xuño). A greve dos operarios contou co apoio do nacionalismo galego. Persoas como Alonso Ríos e o independentista Pedro Campos, entre outros, implicáronse na República da Galiza.

Apoiados polas masas populares que percorrían en longas manifestacións varias vilas e cidades galegas --tamén en Zamora-- o 27 de xuño de 1931 unha maré toma o Pazo de Raxoi --sede do Concello compostelán-- e obriga a demitir en bloco a Xunta de Goberno. Entre o fervor d@s operari@s e lebreg@s que se agolpaban ás portas da Casa consistorial, Alonso Ríos era proclamado "presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega" mais "entón, este dixo que era do pobo", como recolleu naquela altura o diario El Pueblo Gallego.

Poucas horas durou esa primeira república. A escasa implicación cidadá noutras capitais e vilas do pais rematou por provocar a caída da Xunta revolucionaria e con ela a efémera independencia da Galiza.

Comentarios