27 de xuño de 1931: cando Galiza se converteu en república

Organizacións políticas e sociais lembran no 83 aniversario da declaración da República galega aquel acontecemento histórico no que o noso país se converteu nun Estado galego, embora ser de maneira efémera.

Obreiros

Após a abdicación de Juan Carlos I e no decorrer dos fastos para a coroación do seu fillo, Felipe VI, non poucas persoas, organizacións e colectivos foron as que lembraron uns acontecementos ocorridos na Galiza de 1931. Embora non seren moi coñecidos popularmente, o soberanismo galego quixo pór en valor nestas datas a relevancia histórica dun fito que se ben ficou marcado no almanaque, goza aínda de escaso recoñecemento. 

E é que Galiza foi declarada república pouco despois da saída de Alfonso XII de Madrid. Corría o 27 de xuño de 1931. O pobo, atinxido pola crise económica, o desemprego e farto dos incumprimentos do Estado español botábase á rúa e proclamaba a I República da Galiza. Primeiro en Ourense onde "unha multitude presa da indignación" camiñou até a Casa do Concello para erguer "a bandeira azul e branca" e proclamar a primeira Republica galega. 

Asi o narraba a imprensa da época. As principais cabeceiras facíanse eco dun acontecemento insólito até o momento. Manifestacións populares, encabezadas por obreir@s desempregad@s enchían as rúas ourensás, mais tamén da capital da Galiza e clamaban --inmers@s nunha folga xeral froito da parálise na construción do ferrocarril entre A Coruña e Zamora-- por un Estado de seu.

Unha Xunta revolucionaria para declarar o Estado galego

Acababa de caer a ditadura de Primo de Rivera e as forzas españolistas facían carreira a prol da II República española --cuxas primeiras eleccións a Cortes se producirían un día despois (28 de xuño). Pola contra, persoeiros como Alonso Ríos e Pedro Campos traballaban a prol da constitución dun Estatuto para a República da Galiza ao consideraren que ningunha solución aos problemas do país viría da man do mantemento da nación no Estado español, adoptase este a forma que adoptase. 

Apoiados polas masas populares que percorrían en longas manifestacións varias vilas e cidades galegas --tamén en Zamora-- o 27 de xuño de 1931 unha maré toma o Pazo de Raxoi --sede do Concello compostelán-- e obriga a demitir en bloco a Xunta de Goberno. Entre o fervor d@s operari@s e lebreg@s que se agolpaban ás portas da Casa consistorial, Alonso Ríos era proclamado "presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega" mais "entón, este dixo que era do pobo", como recolleu naquela altura o diario El Pueblo Gallego.

Poucas horas durou esa primeira república. A escasa implicación cidadá noutras capitais e vilas do pais rematou por provocar a caída da Xunta revolucionaria e con ela a efémera independencia da Galiza. 

Nós-UP chama a construír un "pólo patriótico" cara á un "proceso constituínte galego"

Con motivo desta conmemorativa data Nós-Unidade Popular defende nun comunicado o carácter "esencial" que ten, din, "resgatar" aquel acontecemento histórico pola "inmensa carga simbólico material" que posúe e polo carácter obreiro e popular do movemento que promoveu a declaración republicana. 

Para a organización independentista os feitos acontecidos nas últimas semanas, a comezar pola sucesión borbónica, sitúan Galiza nun marco semellante ao de 1931, tamén caracterizado por unha profunda crise sistémica con graves prexuízos para o pobo. 

Neste senso, Nós-UP lanza un chamado a avanzar cara á unha "ruptura democrática" e á construción dunha "Galiza ceibe, socialista e feminista" pois, subliñan, "sen soberanía plena as camadas populares non poderemos ter vivenda, saúde e educación digna e de calidade" nen "construírmos unha sociedade xusta e igualitaria". 

Así, defenden a configuración dun "pólo patriótico" con carácter "plural e abranguente" conformado por "mulleres e homes que queiran contribuír para a abertura dun proceso constituínte galego". 

Materiais divulgativos e actos conmemoran a data

Para conmemorar aquela data e divulgar os feitos acontecidos, diversas organizacións e colectivos promoven actos e materiais didácticos. Este é o caso da Fundación Moncho Reboiras de estudos nacionalistas que elaborou unha curta-documentario repasando o fito coa axuda de historiadores como Xerardo Dasairas Balsa ou material gráfico da época que ilustra as mobilizacións sociais que precederon a declaración da República galega. 

O documentario vai acompañado dun caderno monográfico intitulado As folgas do ferrocarril. Protestas, solidariedade popular e declaración do Estado galego. 

Aliás, as asociacións culturais Lucerna, de Cerceda; Foucelhas, de Ordes e A Revoltaina, da Laracha organizan a quinta edición da Festa da República Galega. Unha romaría popular que, explican @s organizador@s, comezou co obxecto de "divulgar" o achado do xornalista Carlos C. Varela quen atopou un exemplar do xornal El Pueblo Gallego en cuxa capa se podía ler o titular 'Nun grandioso comicio revolucionario, é proclamado o estado gaelgo'. 

Nunha xornada de xogos, poesía, música e xantar as asociacións culturais que desenvolven de maneira anual este acto aproveitan a data para pór en valor proxectos e diversos que están a realizarse no noso país e que "forman parte desde a práctica da construción da nosa soberanía", sinalan. 

A V Festa da República galega terá lugar o sábado 28 de xuño en Ordes na vella estación de tren. 

Imaxes capturadas da curta-documentario editada por Fesga

Comentarios