A epidemia chegou a Galiza en outubro de 1918. A pandemia, coñecida popularmente como “a gripe española” e considerada como a última peste da historia da humanidade, xurdiu nos Estados Unidos, exportouse desde as trincheiras da Europa en guerra a todo o mundo e chegou a matar entre 50 e 100 millóns de persoas. Se ben, as informacións que se manexaron nun primeiro momento cifraban o número de mortas e mortos entre 40 e 50 millóns, estes números respondían a unha lóxica eurocéntrica que excluía dos cálculos as vítimas dos países do terceiro mundo, sinalando investigacións recentes que só na China faleceron ao redor de trinta millóns e na India por riba dos dez.
A epidemia, que levou por diante a vida de 300.000 persoas no Estado español, desenvolveuse ao longo de diversas fases entre 1918 e 1920, afectando a poboación galega aquela que xurdiu en outono após non se ver afectada pola da primavera que incidira no resto do Estado.
A expansión da enfermidade veuse favorecida pola ausencia de medios para controlala, polas propias dificultades que atravesaba a sociedade galega e pola falla de vontade política para combatela, golpeando de xeito moi particular os grupos sociais máis desfavorecidos, situados na franxa de idade dos vinte aos corenta anos. A diferenza do acontecido co groso do territorio do Estado, a pandemia chega a Galiza nun momento máis propicio para as enfermidades respiratorias a consecuencia do frío e cun virus que xa mudara en relación co que afectara a península na primavera.
[Podes ler a peza íntegra no número 317 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]