23-F: O golpe detrás do golpe

O golpe de Estado 23 de febreiro de 1981 aínda está por aclarar. A medida que coñecemos novos datos sobre o acontecido, aumentan as dúbidas a respecto da versión oficial e do carácter real do operativo. Aproveitando a efeméride daqueles feitos, recuperamos a opinión dalgunhas das persoas sinaladas nas listas negras elaboradas por unha parte dos golpistas.
Antonio Tejero
photo_camera Antonio Tejero

Coincidindo co décimo aniversario do golpe de Estado de 23 de febreiro de 1981, o investigador e xornalista Carlos Fernández Santander deu a coñecer, en La Voz de Galicia, unha lista de medio milleiro de persoas sinaladas para ser represaliadas no caso de que a tentativa, na versión máis extrema, triunfara.

As listas negras dos golpistas

A listaxe recollía dirixentes políticos como Bautista Álvarez, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez, Xesús Veiga, Mario López Rico, Francisco Vázquez, Ceferino Díaz, Fernando González Laxe, Manuel Monge, Carlos Barros ou Geluco Guerreiro. Responsábeis institucionais como Pilar Allegue, Domingos Merino, Manuela Fraguela, Xaime Quintanilla Ulla, Xosé Fortes, Manuel Soto, Rafael Mouzo, Ramón Noceda ou Xavier Abalo. Sinalábanse, tamén, sindicalistas como Lois Ríos, Moncho Valcárcel, Carme López Teixeiro, Hele-na Veiguela, Xosé Manuel Díaz, Xesús Díaz, Amor Deus, Xulio Aneiros ou Xosefa Baamonde. Intelectuais como Manuel María, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Pilar García Negro, Lois Diéguez, María Xosé Queizán, Manuel Rivas, Carlos Casares, Xosé Antonio Gaciño ou Acisclo Manzano. E mesmo vellos superviventes de  1936  como  Afonso  Fandiño, Valentín Paz Andrade, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Francisco Comesaña ou Darío Álvarez Blázquez.

Pilar Allegue estaba incluída nunha destas listas. "Nós tiñamos a percepción de que había que quedar aquí por responsabilidade e así o acordamos nunha reunión da dirección de zona do Bloque de Pontevedra esa mesma tarde, onde Alexandre Bóveda saíu repetidamente no debate. Estivemos toda a noite na miña casa responsábeis da organización como Luciano Guimeráns, Vicente Vázquez ou Luís Obelleiro até as sete ou oito da maña, onde cada un marchou para facer acto de presenza no seu concello, coincidindo coas aperturas do mesmo a primeira hora da mañá", sinala a Nós Diario Pilar Allegue, naquela altura concelleira en Pontevedra.

O golpe como farsa

O 23 de febreiro de 1981 Francisco Rodríguez participaba dunha xuntanza do Secretariado Político da Unión do Povo Galego (UPG). "A maioría dos que estabamos alí tiñamos claro que aquilo era unha farsa co obxectivo de abrir unha nova vía sen alterar o marco político vixente. Tomamos al-gunhas medidas de seguridade e canda Bautista Álvarez fun cear a un bar de Compostela e seguimos alí a intervención do rei", lembra Rodríguez a Nós Diario. O histórico dirixente do BNG amósase convencido de que "foi un aviso para o nacionalismo de que non se ía mover nada e todo estaba atado e ben atado".

Carlos Barros era un significado dirixente do Partido Comunista da Galiza. "Ao saber do golpe, primeiro agochei a miña muller e a miña filla e despois acudín á casa do concello, onde só estaba Manuel Soto e Francisco González Amadiós. Despois marchei á sede do partido, alí había compañeiros pero enseguida nos demos conta de que era imposíbel mobilizar contra o golpe, porque o medo era moito pola lembranza de 1936. Unha das ex-periencias máis negativas dese día foi a conversa co xefe da Policía Nacional de Vigo que non me deu ningunha garantía de apoiar a democracia", comenta a Nós Diario Barros.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios