O nacionalismo versus as forzas que pactaron a transición

21M, 40 aniversario das eleccións ás cámaras agrarias

O 21 de maio de 1978, máis de 400.000 labregas e labregos eran convocados a elixir os seus representantes nas eleccións a cámaras agrarias, cuns resultados que evidenciaron a importante introdución da alternativa nacionalista no medio rural e o acordo entre as forzas que apoiarán a constitución de 1978 por trasladar o pacto ao ámbito sindical.

Comisións Labregas
photo_camera Manifestación labrega en Lugo, en 1976.

O 21 de maio de 1978, as labregas e os labregos galegos, que naquela altura representaban arredor de 400.000 persoas e perto do 40% da poboación ocupada no país, eran convocados a unhas eleccións para elixir os seus representantes nas cámaras agrarias. Os novos organismos -dependentes do Ministerio de Agricultura, articulados no plano local, provincial e estatal, de adscrición obrigatoria para os labregos e criados co obxectivo de asesorar e colaborar na definición da política agraria do goberno- viñan a ser herdeiras da antiga estrutura sindical franquista, cuxa eficacia no control social do rural ficou testada durante a ditadura. As “Hermandades de labradores”, como popularmente eran coñecidas, xogaron un papel chave na articulación e alongamento das redes caciquís en Galiza, dadas as funcións que realizaba e os servizos que prestaban, sinalándose moi particularmente as de Lugo e Ourense, utilizadas polos seus máximos responsábeis Antonio Rosón e Euloxio Franqueira, para tecer toda a arañeira de influencias que rematará por convertelos nos poderes reais das súas respectivas provincias.

A campaña electoral desenvolveuse nunhas circunstancias especialmente duras para alternativa nacionalista, enfrontada, a un tempo, a unha agresiva campaña mediática, ás redes de poder local e aos propios aparatos gobernativos. Sinálase entre os primeiras a liña informativa de La Voz de Galicia, a través do seu columnista de cabeceira, Augusto Assía, importante propietario agrícola e ligado familiarmente á propiedade do xornal, que desenvolveu unha forte campaña de difamación e intoxicación contra as Comisións Labregas. A UCD, cuxa columna vertebral nas provincias de Lugo e Ourense estaban formadas por persoas vinculadas á estrutura das cámaras agrarias, non aforrou esforzos no proceso, cun repertorio que pasou desde as ameazas físicas e intimidación dos candidatos nacionalistas até a compra directa dos votos. O poder xudicial tamén entrou en campaña, chegando anular os resultados das votacións nalgunhas zonas que non lle eran favorábeis ao goberno, como aconteceu nos concellos de Sarria, Láncara, Samos e Outeiro de Rei, após unha denuncia do avogado e  deputado da UCD Antonio Díaz Fuentes, candidato polo concello do Incio e futuro presidente da Cámara Provincial de Lugo.

A campaña electoral desenvolveuse nunhas circunstancias especialmente duras para alternativa nacionalista

As Comisións Labregas acadaron un grande éxito. Se ben o maior número de electos procedía das candidaturas independentes promovidas pola UCD e AP, o nacionalismo acadou a presidencia de 35 cámaras agrarias e 547 delegados no conxunto de Galiza, o que significada o 15 por cento da representación total, concretándose os seus mellores resultados nas comarcas de Lugo e de Ourense, aquelas con maior introdución das Comisións Labregas pero tamén onde o control caciquil era máis forte. A presenza do nacionalismo viuse minorada nos órgaos de representación provincial, cuxa elección era indirecta polos membros das cámaras locais nos partidos xudiciais, ao apoiar as persoas elixidas nas candidaturas das Sociedades Agrarias, promovidas polo PCE, e FTT, vinculadas ao PSOE, os delegados da UCD e AP. O pacto da transición trasladouse tamén ás cámaras agrarias, porén ás alternativas da esquerda española foron amplamente superadas polo nacionalismo, até o punto de que as Comisións Labregas superou cos seus resultados a suma total de votos obtidos por Sociedades Agrarias e o FTT.

As Comisións Labregas superou cos seus resultados a suma total de votos obtidos por Sociedades Agrarias e o FTT, as organizacións promovidas polo PCE e polo PSOE

Os resultados evidenciaron a introdución, a capacidade organizativa e o grao de influencia do nacionalismo na Galiza labrega. Consecuencia dun traballo de anos e moi particularmente da loita contra a cota empresarial que remataría por converter as Comisións Labregas nunha auténtica organización de masas, significaron, en boa medida, unha primeira volta das eleccións municipais de 1979, tal é como sinalaba a valoración que facía do proceso de cámaras a dirección da UPG.  A orientación introducida nese sentido a unha e outra campaña electoral, a presenza de moitos vogais ou mesmo presidentes das cámaras agrarias nas candidaturas do BNPG, e sobre todo a correspondencia entre os resultados dun ou outro proceso, deixan poucas dúbidas. O nacionalismo ficou testado como un actor político de referencia no ámbito labrego, aumentando, por conseguinte, a belixerancia na súa contra por parte do poder, pero tamén das súas sucursais locais, convencidos, ás veces con pouco fundamento, do risco que corría a súa posición.

Comentarios