En fase de instrución

Os 19 de Meirás declararán o 28 de setembro perante o xuíz de Betanzos

Os 19 de Meirás prestarán declaración perante o xuíz de Betanzos o próximo 28 de setembro. A plataforma de apoio aos encausados xa convocou unha concentración solidaria perante a sede xudicial, na praza Irmáns García Naveira.
 

19 de meirás
photo_camera Comparecencia de prensa dos 19 de Meirás. Foto: cedida.

Avanza a fase de instrución da denuncia da familia Franco contra os 19 de Meirás. Este próximo 28 de setembro, os activistas prestarán declaración perante o xuíz de Betanzos. Os parentes de ditador pídenlles penas que totalizarían 247 anos de cadea por unha acción que consistiu na ocupación simbólica do Pazo de Meirás, en Sada, en agosto do pasado ano. Protestaban pola aldraxe de que o inmoble aínda pertenza aos descendentes do ditador. En plena Guerra Civil, e con coaccións polo medio, unha presunta comisión cidadá mercouno para llo agasallar a Franco.

19 de meirás cartaz

A familia do ditador imputa os 19 de Meirás —entre os que figuran tres integrantes da executiva nacional do BNG, Bieito LobeiraRubén Cela Néstor Rego; o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, e o ex secretario xeral da CIG, Suso Seixo—os seguintes cargos: violación de morada, danos, delito de odio e contra o honor.

Durante 80 anos, a familia Franco —que nunca renegou do patriarca— fixo uso do pazo que antes fora propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán. Coa restauración da democracia, a situación apenas mudou. Nin sequera a declaración como ben de interese cultural (BIC) polo Goberno bipartito, e que implicaba obrigas para os propietarios, modificou a actitude dos Franco.

Nos últimos tempo, o Pazo de Meirás e a loita pola devolución do mesmo ao patrimonio público converteuse nun símbolo da loita pola memoria histórica dos demócratas. A Deputación da Coruña constituíu unha comisión específica de estudo do espolio e afirma que existen vías mesmo legais para facer efectivo que o pazo sexa público.

A ocupación de agosto de 2017 foi un dos episodios máis rechamantes e sonados da pelexa civil pola restitución da memoria aniquilada polo fascismo.

Nota de corrección: na edición orixinal desta información consignábase equivocamente que o xuízo aos 19 de Meirás sería o 28 de setembro. En realidade, ese día os activistas si irán ao xulgado, mais non a ser xulgados, senón a prestar declaración na fase de instrución da causa, trámite en que xa teñen declarado os gardas civís que identificaron os activistas e o gardés do Pazo de Meirás. O día do xulgamento está por axendar, pois aínda fican por diante a realización de diversos trámites (entre elas, as probas periciais solicitadas polos acusados).

Comentarios