17/9/1912: as mulleres vítimas da protesta de Toldaos

O 17 de setembro de 1912 un grupo de Gardas Civís abriron fogo en San Vicente de Toldaos no concello de Láncara contra as mulleres da parroquia que protestaban contra o nomeamento do novo cura, ficando varias delas feridas por armas de fogo e morrendo outra aos poucos días. O conflito producíase nunha zona de grande actividade e organización do movemento agrarista; porén, a represión e o crime non paralizaría as protestas veciñais.
 

Igrexa de Toldaos.
photo_camera Un aspecto da Igrexa de Toldaos

Era o bastión do agrarismo na comarca de Sarria. O movemento de reivindicación labrega xa contaba cunha base moi sólida en Láncara nos momentos iniciais de Solidariedade Galega até o punto de xogar un papel reitor na articulación desta organización no conxunto das terras que conforman a provincia de Lugo. Así, segundo recollía a prensa solidaria, a comezos de 1908 o Sindicato Agrícola de Láncara, presidido polo importante dirixente Ramón Osorio, contaba con máis de mil cincocentos asociados dunha poboación de cinco mil persoas e mesmo dispuña dunha caixa rural de crédito, sendo a impulsora de diversos actos de axitación agraria así como do lanzamento da Federación Agrícola do Noroeste conformada por dezaoito sociedades da área luguesa. A iniciativa dos agrarios de Láncara en marzo de 1908 realizaríase o grande mitin de Lugo, onde se tomaría o acordo de encargar á sociedade de Lérez a redacción dun regulamento de federación agrarias das zonas afectadas polo foro e a organización da asemblea agraria de Monforte.

O 17 de setembro de 1912 un grupo de Gardas Civís abriron lume en San Vicente de Toldaos no concello de Láncara contra as mulleres da parroquia que protestaban contra o nomeamento do novo cura, ficando varias delas feridas por armas de fogo e morrendo outra aos poucos días. O conflito, que provocou o encarceramento de perto de trinta veciñas no cárcere de Sarria, estoupou ao ter coñecemento as freguesas da designación como novo crego de Xoán Losada Castro, afillado do bispo de Lugo, a proposta do VII marqués de Castelar, Luís Patiño Mesa, a quen lle correspondía a potestade de propor os cregos en Toldaos cando a praza quedaba baleira por tratarse dunha parroquia de padroado. Os sucesos foron deliberadamente agochados pola prensa galega; porén, o poder non conseguiu evitar que algúns xornais de Galiza e sobre todo de Madrid como El País recollesen que “a Garda Civil botou man dos mauseres cando algunhas mulleres lanzaban pedras contra o cura que anteriormente armado cun caxato e co apoio da forza e do escribán que as acompañaba tentou agredilas”.

O conflito, que provocou o encarceramento de perto de trinta veciñas no cárcere de Sarria, estoupou ao ter coñecemento as freguesas da designación como novo crego de Xoán Losada Castro

Os sucesos de 1912 son un capitulo máis da loita que enfrontaba de vello aos veciños de Toldaos contra o caciquismo. Se ben o marquesado de Castelar permanecía desligado de Galiza desde o século XVII —onde mantiña importantes propiedades en toda a zona de Sarria cuxa administración viña correspondendo tradicionalmente ao crego de Toldaos— os cregos da comarca actuaban como importantes muxidores electorais do partido conservador, o que viña provocando constantes enfrontamentos. Sendo aínda Losada Castro cura de Santiago de Laxe en Paradela, os veciños de Toldaos mantiñan un importante litixio co bispado de Lugo e cos marqueses de Castelar pola titularidade de perto de duascentas hectáreas de monte en abertal. Así, á volta de 1908, o antecesor de Losada confrontou unha primeira revolta veciñal, cuxo resultado sería a condena a dous anos de cadea dos dirixentes solidarios Manuel e Xosé Igrexas

Os sucesos de 1912 son un capitulo máis da loita que enfrontaba de vello aos veciños de Toldaos contra o caciquismo

A resistencia veciñal ao nomeamento de Losada Castro mantívose no tempo. Por volta de agosto de 1914, a prensa luguesa recoñecía que aínda non puidera tomar posesión da parroquia de Toldados, sinalando o xornal El Norte de Galicia, órgano oficioso do Partido Conservador en Lugo, no seu número do oito de xullo de 1914, que “o respectado presbítero señor Losada foi nomeado párroco de Toldaos hai máis dun ano. Desde a data do seu nomeamento, só puido residir na citada freguesía algunhas horas: as indispensábeis para tomar posesión do cargo”, para rematar denunciando a presión social que lle impidira residir nese período na parroquia. A referida nova sitúase no contexto dunha polémica social e mediática iniciada cunha campaña ao seu favor desde as páxinas do xornal católico La voz de la verdad, contestada desde diversos medios escritos de Galiza, o Estado español e a emigración. Será precisamente nun destes, onde o xornalista e futuro militante das Irmandades da Fala Ricardo Carballal Lafourcade comparará os sucesos de Toldados co famoso caso Nozaleda, o frade dominico designado arcebispo de Valencia polo goberno de Antonio Maura que fora rexeitado na cidade levantina.

Comentarios