venres 30/07/21

16 ex presos políticos ferroláns levarán á Fiscalía a pervivencia de simboloxía franquista en instalación de Defensa na Galiza

Ante o que consideran que é un incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte do Ministerio.

rueiro ferrol franquista

Líderes históricos de CCOO como Rafael Pillado e Ignacio Fernández Toxo, dirixentes do nacionalismo galego como Francisco Rodríguez ou historiadores como Manuuel Monge son algunhas das 16 sinaturas de ex presos políticos ferroláns que asinan un escrito dirixido a Defensa no que lle advirten de que acudirán á Fiscalía de non se retirar a simboloxía franquista que persiste na cidade.

Estes 16 ex presos lembra que o pasado 21 de decembro dirixiu un escrito a Margarita Robles, ministra de Defensa, notificando que na Galiza existían 23 símbolos franquistas, 13 deles en Ferrol, en instalacións que dependen de Defensa e pedindo a súa retirada en cumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007.

Nun novo escrito entregado esta quinta feira, “ás 9:00 horas polo rexistro da Subdelegación do Goberno na Coruña, previa cita”, este colectivo manifesta a súa sorpresa porque na súa resposta Defensa lles comunicase que non lle constaba actuacións a facer a respecto desta simboloxía.

“Consideramos que hai un evidente incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte de Defensa, unha ofensa ás vítimas da ditadura franquista e un desprezo aos acordos plenarios do concello de Ferrol”, manifestan nun comunicado.

Lembran que en reiteradas ocasións o pleno do Concello de Ferrol demandou a retirada da simboloxía franquista do Arsenal Militar de Ferrol, “peticións que non foron atendidas”.

Dous significados militares golpistas como Salvador Moreno Fernández e Antonio Barroso aínda dan o seu nome a un colexio de Pontevedra e a unha residencia de Santiago que dependen de Defensa, engaden.

“Por outra parte, hai unha falta de coherencia por parte de Defensa: a ministra de Defensa Carmen Chacón retiraba en Burgos en 2010 o nome de Juan Yagüe de instalación militares, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, pero no edificio de Capitanía Xeneral na Coruña Defensa mantén unha placa co nome “Sala de Honor Tte. Gral. Yagüe”.  

Este colectivo afirma que se o Ministerio de Defensa continúa coa súa actitude, poñerá os feitos en coñecemento da Fiscalía porque “o incumprimento reiterado da Lei podería ter un carácter penal”.

Asinan: Rafael Pillado Lista, Francisco Rodríguez Sánchez, Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, Ignacio Fernández Toxo, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.

comentarios