Os 11 de Anguieiro, fusilados e fondeados no mar: "Dixeron que para os das ideas 'rojas' non había perdón"

86 anos após o asasinato dos Mártires de Anguieiro (Cangas), a Asociación de Memoria Histórica 28 de agosto enxalzou esta tarde, en colaboración co Concello de Cangas, a memoria dos 11 traballadores vítimas do fascismo o 28 de agosto de 1936 e doutro medio cento de persoas aniquiladas polos falanxistas.
Homenaxe aos 11 de Anguiero en Cangas. (Foto: Iago Santos).
photo_camera Homenaxe aos 11 de Anguiero en Cangas. (Foto: Iago Santos).

Os 11 de Anguieiro eran un grupo de mozos de entre 16 e 46 anos de idade que durante a madrugada do 27 ao 28 de agosto foron capturados e fusilados. Un a un foron arrebatados das súas casas e das súas familias, introducidos nunha furgoneta custodiada polo exército franquista e trasladados até o lugar de Anguiero, onde foron executados.

Das 11 execucións, unha quedou frustrada, pois un dos homes conseguiu escapar "ferido de entre os mortos da camioneta". Malia se resgardar no monte, finalmente foi alcanzado na súa fuxida "por 14 falanxistas" que o perseguiron, "sete por terra e sete por mar", segundo o relato de Francisco Ferreiro Budiño, pai de Antonio e Ladislao Ferreiro Núñez, executados aquel 28 de agosto.

O relato do 'Boreiro'

Ferreiro Budiño, 'O Boreiro', naceu no ano 1879. Era labrego en San Pedro (Darbo) e membro da Agrupación Socialista, concelleiro de 1919 a 1923 pola Candidatura dos Traballadores.

Após o asasinato dos 11 de Anguieiro narrou por escrito os acontecementos, a crueldade e asañamento deste crime colectivo. Do único que logrou escapar, de primeiras, lembra que o colleron no monte Subrido e que o mataron "a baioneta". "O pobre rapaz pedíalle a todos os seres que eles máis querían que lle desen un tiro, pero eles [os falanxistas], ríndose da barbarie, dinlle que para os das ideas 'rojas' non había perdón, e que todo era pouco". Despois, describe, "despezárono e tirárono entre as penas da costa, onde a auga do mar bañaba o cadáver".

Estas atrocidades, escribe 'O Boreiro', comezaron case dous días antes do seu asasinato. Antonio e Ladislao foron presos o dia 26 ás dúas da mañá por un Garda Civil e catro falanxistas. Foron fusilados na sexta feira, día 28, ás catro da madrugada. "Sepultáronos no mar" onde permaneceron 40 días. Ao cabo dese tempo cinco deles "volveron á terra". Os outros corpos saíron máis tarde pero "ao anoitecer dese mesmo día falanxistas e carabineiros encargáronse de fondealos máis a dentro para que non volvesen".

No acto pediron 'Verdade, xustiza e reparación' para as vítimas do franquismo. (Foto: Iago Santos).
No acto pediron 'Verdade, xustiza e reparación' para as vítimas do franquismo. (Foto: Iago Santos).

Os mártires de Anguieiro

Os 11 mártires de Anguieiro son Antonio Blanco Rodal (26 anos, Cangas), Guillermo Fernández Fernández (27, Seixo), Antonio Ferreiro Núñez (32, San Pedro), Ladislao Ferrei Núñez (18,San pedro), Daniel González Graña (22, Cangas), Alejandro martínez Pazó (19, San Pedro), José Martínez Pazó (26, San Pedro), José Nores Rodríguez (16, Cangas), Normandino Núñez Martínez (46, Cangas) e Secundino Ruibal Villar.

Só Antonio, Estanislao, Daniel, José e Normandino constan no libro do Rexistro Civil de defuncións con data do 9 de novembro de 1936.

Ese día fronte á fábrica de Cervera, un barco ergueu o rizón levantou os cadáveres fondeados.

O acto desta tarde en Cangas, lembrou tamén as 49 persoas da vila que morreron e a todas aquelas desaparecidas no 36. Tras unha ofrenda floral e as actuacións de A Revolta e Lía Vilas, o evento rematou coa lectura de varios poemas a cargo de Mónica Camaño, Luís Chapela e Daniel Costas.

Comentarios