@s 'fill@s do silencio' volven a San Simón

300 persoas --as que caben no barco-- conmemoraron na illa, como cada 15 de xullo desde hai sete anos, o Día da Memoria. Música, flores, pombas e palabras procuraron recordar no sentido etimolóxico do termo: traer, máis unha vez, ao corazón

De viaxarmos á orixe etimolóxica do verbo recordar, veremos que significa moito máis que ter a alguén presente na nosa memoria. Mistura do prefixo latino re e do termo cordis, recordar é facer que algo ou alguén volva pasar polo noso corazón. Procurando tal desexo para quen deron a súa vida pola liberdade, os dereitos e a dignidade do noso país, máis un 15 de xullo 300 persoas subiron nun barco rumbo á Illa da Memoria.

O nome púxollo a Xunta en 2006, cando os que gobernaban eran BNG e PSOE, a San Simón. Entre 1936 e 1943 o lugar foi unha cárcere e por ela pasaron máis de 5.000 persoas. Chegaron a convivir 2.500 xuntas, repartindo o espazo a 45 centímetros para cada preso. Son as contas que fixo Ildefonso Puente, un dos que sobreviviu á prisión.

A historia que non vén no libro de Historia
Historias como a de Ildefonso, e como a de Heriberto Rodríguez, tamén sobrevivinte de San Simón, son as que se contan no documental A pegada dos Avós, de Xosé Abad, onde un grupo de estudantes de segundo de bacharelato saen na procura de respostas para construíren a súa opinión propia e reflexionaren ao redor da historia non escrita desde o levantamento militar fascista do 36.

Gabriel, o fillo de Amada García, a quen fusilaron tan pronto pariu; e Mariquiña, que conta como se organizou unha familia en que só quedaron mulleres após o fusilamento de seu pai, son as dúas persoas que centran o proxecto que @s propi@s moz@s presentaron este domingo no auditorio da Illa, no marco dos actos organizados, como vén acontecendo nas últimas tres edicións, por Iniciativa Galega pola Memoria.

Quixeron respostar á opinión espallada de que a xuventude de hoxe non se importa por nada turrando das súas motivacións para facer parte do documental: achegárense de primeira man á memoria das persoas que sufriron a represión en carne propia ou que son familiares de represaliad@s. "Teño ganas de lles prometer que isto non vai volver pasar", di unha das rapazas. Mais hoxe en San Simón fíxose tamén memoria da música. A comisión de Marín quixo homenaxear a rondalla, conxunto tradicional da vila e cuxos músicos sufriron tamén a represión, indo parar moitos deles á illa. Samuel Acuña interpretou un poema para recordalos.

Recordando a Enrique Gómez, Mercedes Núñez e Alexandre Bóveda
Xa na illa de San Antón, diante do muro que separa do cemiterio e onde se executaban os fusilamentos --a Xunta colocou alí unha placa en 2006, no Ano da Memoria-- recordaron Ana Aller, neta de Enrique Gómez, fusilado no monte; Pablo Iglesias Núñez, fillo de Mercedes Núñez, presa no cárcere de Ventas e despois deportada a Ravensbruck, o maior campo de concentración de mulleres en Alemaña durante a II Guerra Mundial; e Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda. Ana definiuse a si propia como "filla do silencio", ao tardar varios anos en coñecer a historia do avó, mais tamén da avoa, a quen violaron e torturaron até se fartaren para que facilitase información sobre o paradoiro do home. Após saber todo iso, dixo, tornouse activista da memoria.

Pablo Iglesias fixo un chamamento a fuxir dos conceptos e comparou as situacións de San Simón e do campo de Ravensbruck. Durante anos díxose que aquel non era un campo de concentración, ao non dispor de cámara de gas. A propia Mercedes Núñez, que foi testemuña en xuizos contra os nazis, sempre defendeu que era un campo de concentración onde, se ben non as mataban directamente, facían que morresen. Como en San Simón.

O libro Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón, dos investigadores Gonzalo Amoedo e Roberto Gil, fala de 666 mortes na illa. Non cumpriron balas para a meirande parte. As pésimas condicións de hixiene, as enfermidades, a mala alimentación e o frío acabaron coas vidas de boa parte dos presos. Outros foron 'paseados', e os seus corpos apareceron tirados nas praias, nos montes ou na estrada de Redondela.

O asasinato de Alexandre Bóveda é por tod@s coñecido. Detido dous días despois do levantamento fascista, fusilárono no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto do 36, xornada en que se conmemora o Día da Galiza Mártir. Consciente de que a historia do seu avó vén até nos libros de texto, Valentín García enfatizou como herdou os valores que defendía Bóveda e polos que foi matado, e asegurou que o mellor recoñecemento que podería recibir este intelectual sería que o mesmo coñecemento que se ten del se espalle a todas as persoas vítimas da represión franquista. Cando as 300 persoas tomaron o barco de volta, San Simón tomou de novo o nome que lle deu a Xunta do PP, Illa do Pensamento, un lugar onde facer actividades culturais lonxe da recuperación da memoria. Do documental A pegada dos avós: "Feridas? Que feridas? O que se remove é a xustiza!"

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios