Galiza nun mapa castelán do século XIII

O mapamundi de San Andrés del Arroyo é unha das 69 ilustracións que fai parte dunha versión dos comentarios da Apocalipse de San Isidoro, elaborados polo abade de Santo Toribio de Liébana no século VIII e conservada até a desamortización de Mendizábal de 1836 no mosteiro de San Andrés del Arroyo.
Detalle da Galiza na carta. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalle da Galiza na carta. (Foto: Nós Diario).

Logo foi custodiado desde 1882 na Biblioteca Nacional de París. O manuscrito está formado por 167 páxinas escritas en pergameo e outras 69 de miniaturas con ouro e prata, o que supón un importante corpo ilustrativo de grande interese artístico e paleográfico.

Época: Arredor de 1220 / Autoría: Anónima / Conservación do orixinal: Biblioteca Nacional de París / Características: Garda semellanza coas portadas das catedrais románicas

A diferenza doutros beatos existentes, que adoitan recoller o nome dos autores do traballo, descoñécese a procedencia e a data exacta da súa elaboración.

Porén, a maioría da historiografía coincide en situar a súa orixe no mosteiro de San Pedro de Cardeña, polas semellanzas que garda con outros traballos deste escritorio.

A este respecto, os estudosos da obra significan que estamos diante dunha das máis modernas versións conservadas dos beatos, dunha feitura claramente románica e cuxas representacións gardan moitas similitudes coa decoración dos pórticos das catedrais románicas do século XIII. 

A orixe do mapamundi está asociada ao monarca Fernando III. Neste sentido, Gonzalo Menéndez-Pidal considera que a suntuosidade do traballo, con gran cantidade de ouro e prata. apunta que se trata dun encargo do futuro rei para doarllo ao mosteiro palentino de San Andrés del Arroyo, unha abadía feminina da orde do Cister, fundada por Mencía López de Haro e ligada desde a súa orixe a coroa de Castela, naquela altura un reino independente do galego con quen mantiña unha forte confrontación.

A caligrafía e as miniaturas da obra sitúana dentro na última etapa dos beatos. Así, seguindo a tradicional clasificación fixada por Gonzalo Menéndez-Pidal emparenta coas copias de Lorvao e Huelgas. Segundo certifica este autor, a totalidade das cartas deste período presentan a maiores das semellanzas estéticas concordancias en relación coa toponimia empregada e similitudes sobre as solucións técnicas adoptadas.

O deseño da carta de San Andrés del Arroyo agocha todo o programa político da monarquía castelá nun momento de duro conflito pola hexemonía no espazo ibérico. Así as cousas, o mapa designa tres grandes centros para cada un dos reinos peninsulares: Sevilla como referencia da área árabe, Compostela para o reino galego e Toledo, impulsada polos reis de Castela como polo rival da capital galega.

Máis en Mapas do reino
Comentarios