O Beato de Valcavado. Galiza nun mapamundi do século X

O Beato de Valcavado, tamén coñecido como Beato de Valladolid por conservarse nesta cidade desde o século XVII, foi unha das copias máis antigas dos beatos que chegou até nós. 
392 Mapas
photo_camera Mapa de Valcavado. (Foto: Nós Diario).

A obra elaborouse no desaparecido mosteiro de Valcavado, situado nun enclave próximo á vila palentina de Saldaña, onde pasou longas tempadas o arcebispo Xelmírez. Segundo se recolleu na propia obra, o mapa realizouse nun período moi breve de tempo, entre 8 de xuño e 9 de setembro do ano 970.

Época: 970 | Autoría: Oveco| Conservación do orixinal: Biblioteca Histórica de Santa Cruz de Valladolid | Características: É un dos máis antigos conservados da tradición dos beatos

O mapamundi realizouno un monxe do mosteiro chamado Oveco. A memoria deste relixioso mantívose viva até a actualidade. Era considerado popularmente como santo e rendíaselle culto ás súas reliquias no santuario de Saldaña. A mestría deste frade ficou testada nas miniaturas da cartografía, realizadas con vernizado á cera sobre pergamiño e con pigmentos resultantes da mestura de elementos naturais, o que lle outorgou unhas cores moi vivas. A obra sinalouse polas anotacións que o autor lle realizou en diversos lugares.

O mapa de Valcavado fixo parte das cartografías coñecidas como os beatos, por aparecer incorporadas ás versións dos comentarios Apocalipses, de San Isidoro, escritos polo abade de Santo Toribio de Liebana no século VIII, emparentado dentro destas coas cartas de Girona, de Silos, da Seu de Urgell, da raíña Sancha e de Escalada ou Morgan.

Sandra Sáenz-López destacou do mapa de Valcavado os seus detalles mariños. Se ben noutras cartas dos beatos o océano foi asociado cun gran río que rodea a terra, na de Valcavado apareceu ilustrado cunha grande cantidade de peixes e barcos.

A xeografía política deste mapa coincidiu coa práctica totalidade da cartografía da época. Spania foi a designación empregada para denominar a área da Península Ibérica de hexemonía musulmá, ocupando o groso dese espazo. Tarracona empregouse para denominar os condados cataláns, herdeiros da antiga marca franca. Gallecia serviu para referirse ao espazo cristián peninsular, cuxos territorios fixeron parte da antiga provincia romana do mesmo nome. Xa que logo, Spania e Gallecia significaron realidades políticas diferentes durante séculos, como certificaron as fontes contemporáneas

Máis en Mapas do reino
Comentarios