O TC luso declara inconstitucional o despedimento de funcionari@s

Segundo gran golpe ao programa de reformas aprobado polo goberno portugués. O Constitucional luso bota abaixo a lei especial de mobilidade coa que o executivo de Passos Coelho pretendía abrir a porta ao despedimento colectivo na función pública

Cavaco Silva e Passos Coelho
photo_camera Cavaco Silva e Passos Coelho

Inconstitucional. Así considerou a máxima instancia portuguesa a lei especial de mobilidade aprobada polo goberno de coalición luso. Para o tribunal a reforma prevista polo executivo de Passos Coelho é contraria a dereito por violar a "garantía de seguridade no emprego" e o "principio de proporcionalidade" recollido pola Carta Magna nos seus artigos 53 e 18. 

A reforma que foi considerada como "fundamental" polo goberno luso impuña @s traballador@s da función pública un período máximo de 12 meses para atoparen emprego ou, do contrario, poderían permanecer na listaxe de agarda --mais sen percibiren retribución algunha-- ou optaren polo cesamento do contrato de traballo sen teren dereito ao subsidio por desemprego.

A reforma invalidada polo Constitucional abría a porta ao despedimento colectivo na función pública

Durante este proceso o executivo luso prevía reducir os salarios d@s funcionari@s en dous terzos durante os primeiros seis meses e á metade nos seis seguintes.

Após o ditame do Constitucional o goberno de Passos Coelho deberá re-encamiñar a proposta á Asemblea da República para que sexa modificada, poréna medida constituía unha das exixencias da Troika de acordo coas obrigas contraídas coas institucións internacionais logo do rescate á economía portuguesa. 

Segundo varapau ás reformas
A decisión adoptada polo Tribunal Constitución supón o segundo gran golpe ao pacote de medidas presentado polo goberno de coalición. Neste senso, o TC xa tombou o pasado mes de abril cando declarou contrarios a dereito boa parte dos Orzamentos presentados polo executivo

Daquela a máxima instancia considerou inconstitucionais os recortes previstos por Passos Coelho por valor de 1.300 millóns de euros. O ditame invalidou os cortes nos subsidios de ferias ao persoal funcionario e pensionistas.

Comentarios