Rousseff confía na vitoria pero pensa que é case seguro que haberá segunda volta

A presidenta e favorita á reelección nos comicios que celebra Brasil asegura após votar que “non se poden perder as conquistas sociais de doce anos” e destaca que agora tres de cada catro brasileir@s é de clase media-baixa.

Dilma Rousseff
photo_camera Dilma Rousseff

A presidenta brasileira e candidata á reelección nas eleccións deste domingo polo Partido dos Trabalhadores (PT), Dilma Rousseff, declarou após votar que dá por feito que haberá unha segunda volta dos comicios presidenciais o próximo 26 de outubro. "Non traballo coa hipótese de vencer na primeira volta", afirmou Rousseff desde Porto Alegre. A presidenta descartou especular sobre posibles rivais na segunda volta. "Sería unha falta de respecto para os demais", indicou.

Marina Silva caeu nas enquisas e mesmo pode ficar fóra da posíbel segunda volta para beneficio do candidato máis á dereita

A presidenta pediu aos votantes exercer o seu dereito con "consciencia" e que loiten para defender as "conquistas" dos últimos doce anos. "É importante que o pobo vote con consciencia e paz no corazón. Que teñan claro que quen conquistou algo debe defender esas conquistas. É importante tamén que o cidadán ou cidadá teña consciencia e se dea conta de que o seu voto é un arma para garantir esas conquistas. Todos e todas somos iguais ante a urna e o resultado da elección é sagrado", dixo. "Son doce anos nos que Brasil estase transformando. Hoxe tres de cada catro habitantes forma parte polo menos da clase 'C'", engadiu en referencia a escala de seis letras que utilizan algúns sociólogos. A 'C' sería a da clase media-baixa.

Rousseff, quen asumiu o cargo o 1 de xaneiro de 2011, é a gran favorita para gañar os comicios, logo de repoñerse nas enquisas á caída da popularidade polo ascenso da súa rival Marina Silva, do Partido Socialista Brasileiro (PSB). As últimas sondaxes, publicadas o sábado, apuntan a que na primeira volta electoral Rousseff terá entre 44 e 46 por cento da intención de voto, o candidato de centro-dereita, Aécio Neves, un 26 por cento e polo 24 por cento estaría Silva.

Comentarios