Personalidades da cultura, a política e o asociacionismo lusófono rexeitan a entrada de Guiné Ecuatorial na CPLP

Medio cento de sinaturas instan as xefaturas de estado e de goberno da Comunidade a non formalizar a adhesión do país gobernado polo ditador Teodoro Obiang.

Teodoro Obiang
photo_camera Teodoro Obiang

Chico Buarque (músico), Ana Gomes (eurodeputada), Anita Simis (socióloga,Brasil) José Manuel Pureza (profesor universitario, Coimbra) e Carlos Figueirido (asociacionismo, Angola) son algúns dos 50 nomes que subscriben a carta aberta dirixida ás xefaturas de estado e de goberno que integran a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP). No documento, instan aos peíses membros a rexeitaren a adhesión de Guiné Ecuatorial como integrante de pleno dereito pois, sinalan, suporía "a venda dos valores da CPLP", o incumprimento dos seus estatutos así como a posta en causa dos dereitos do pobo da Guiné. 

O país gobernado polo ditador Teodoro Obiang é membro observador da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa desde o 2006. Un ano despois, o goberno instauraba o portugués como lingua oficial xunto co español e o francés. Porén, desde 2012 a Guiné Ecuatorial ten solicitado un Programa de Adesión que terá de ser ratificado o vindeiro mes de xullo en Dili. 

Perante esta xuntanza, unha nutrida representación de personalidades da cultura, a política e o asociacionismo lusófono instan através do seu escrito a "recusar a adhesión da Guiné Ecuatoria como membro de pleno dereito". E fano apelando ás violacións dos dereitos humanos rexistradas no país por organizacións internacionais como Amnistía Internacioal ou Human Rights Watch. 

Garantir o respeito polos Dereitos Humanos

Nomeadamente a respeito do mantemento da pena de morte e a execución de "polo menos catro persoas", din, "senón mesmo nove" no tempo trascorrido desde a súa solicitude de adhesión. Embora Obiang afirmar perante a CPLP ter anunciado unha "moratoria temporal á aplicación da pena de morte" o certo é que desde as organizaciónd de dereitos humanos aseguran non teren garantías de que se estea a cumprir.

Rexeitan a incorporación da Guiné Ecuatorial á CPLP até non garantir na práctica e na lei que respecta os dereitos humanos e abole a pena de morte

Aliás, a orde presidencial emitida polo ditador non tivo repercusións no marco xurídico do país polo que @s asinantes da carta instan a Comunidade a impedir a entrada de Guiné até que "non estiver comprobado, na lei e na práctica, o cumprimento dos Estatutos" da CPLP que exixen aos seus membros o cumprimento dos dereitos humanos a comezar pola abolición efectiva da pena de morte. 

Tamén así, exixen ás xefaturas de estado e de goberno a "estabelecer pre-requisitos formais e substantivos de democratización política e de canalización de receitas nacionais para a mellora efectiva das condicións de vida dos seus pobos" e a exixir "prácticas democráticas, de bo goberno e de respeito polos Dereitos Humanos" aos seus membros. 

Podes consultar o texto íntegro da carta premendo nesta ligazón. 

Comentarios