Passos Coelho anuncia cortes até 2015 e a oposición chama a "derrubar o goberno"

Funcionari@s e pensionistas sofren os maiores recortes. PCP e Bloco coinciden en que "hai que botar á rúa" o executivo de coligación pois está "a destruír o Estado". O programa anunciado polo primeiro ministro Passos Coelho remata en 2015, ano de eleccións no país veciño

photo_camera [Imaxes:Bloco]

Prescindir de 30.000 fuincionari@s, creación dunha nova taxa que gravará as pensións en concepto de "contribución extraordinaria de solidariedade". Incremento da xornada laboral na función pública até as 40 horas semanais. Cortes en educación (765 millóns), Seguridade social (918 millóns) e Sanidade (288 millóns). Reforma da idade de xubilación até os 66 anos. Converxencia das pensións no sector público e privado. E mesmo un corte mínimo nas partidas ministeriais, do 10%. 

O pacote de recortes supera os 4 mil millóns de euros e prevé ser aplicado até 2015, ano de eleccións á Asemblea da República

Así até sumaren 4,8 mil millóns de euros en 2015. Ano electoral. Segundo o primeiro ministro portugués estes non son máis que, doutra volta, "sacrificios necesarios" para cumprir "coas obrigas" adoptadas coa Troika após a sinatura do Pacto de Agressao. Do contrario, aseverou o líder da dereita lusa, o incumprimento dos programas de axuste deseñados polas institucións económicas internacionais suporían "a saída do euro" e complicacións para a "estabilidade económica" de Portugal. O discurso, o de sempre. 

"Eu sei que se preguntan" apelaba na súa intervención Passos Coelho, se todos os recortes e reformas desenvolvidas até o de agora "valerán a pena". O primeiro ministro teimou en considerar que Portugal está "na recta final" dos acordos contraídos coa Troika e amosouse certo de que "os efeitos" das decisións adoptadas "van chegar". 

PCP: "Todos temos que derrubar este goberno e exixir eleccións"

Neste senso, emprazou aos grupos da oposición a "debater" e chegar a un acordo no novo pacote de medidas. Porén, desde Bloco e PCP chaman a "derrubar o goberno" perante o que consideran só traerá ao país "máis recesión". 

"Até onde imos deixar ir este goberno?", se preguntaban após a comparecencia pública de Passos Coelho desde o PCP. @s comunistas fixeron un chamamento ao pobo luso a "derrubar este goberno" e elixir a convocatoria anticipada "de eleccións" aproveitando a mobilización convocada pola Conferencia Intersindical de Traballadores (CGTP-IN) para o vindeiro 25 de maio en Belem.

Bloco: "A economía non vai aguantar os impactos regresivos destas medidas"

Desde o Bloco, coinciden en apuntar que os anunciou do primeiro ministro esta sexta feira constitúen "unha violencia contra o Estado moderno" que vulnera o "acordado co Tribunal Constitucional". Para @s bloquistas o executivo de coligación pide "aos pensiorinistas" o que "non lle pide aos xuros" da débeda polo que o goberno debe "ser freado" ou, do contrario, apuntan "vai destruír o país". 

Comentarios