Un manifesto a prol de Dilma Rouseff denuncia unha operación golpista da dereita

Dous milleiros de sinaturas acusan a “grandes empresarios, banqueiros e poderosos medios de comunicación” de trazar un plan polo cal buscan o triunfo de Aécio Neves para “colocar Brasil de novo baixo o mando do capital financeiro”.

Dilma Rousseff
photo_camera Dilma Rousseff

Intelectuais e políticos de esquerda denunciaron nun manifesto a “fabricación dun escenario adverso e falso” en Brasil para impedir a reelección da presidenta Dilma Rousseff do PT, nos comicios do próximo día 26. No texto, denuncian a “existencia dunha grave ameaza á democracia por parte da dereita, a prensa e co apoio de forzas externas” que se uniron “para dar un golpe electoral e manipular a opinión pública” para lograr a elección do candidato da Social Democracia (PSDB), Aécio Neves.

Políticos, profesores, líderes de movementos sociais e intelectuais compoñen o amplo grupo que firmou o manifesto de apoio a Dilma

Firmado por máis de 2.000 persoas, entre políticos, profesores, líderes de movementos sociais e intelectuais, o documento destaca que unha segunda vitoria de Rousseff nas urnas significaría defender ao país e a América Latina da inxerencia directa estadounidense.

“Non podemos colocar de novo a esta nación baixo o mando do capital financeiro e a administración norteamericana, como foi cando gobernou anteriormente aquí o PSDB”, destaca o texto. “Estas eleccións presidenciais constitúen un campo de batalla no cal grandes empresarios, banqueiros e poderosos medios de comunicación, entre outros sectores, sumaron as súas forzas para apartar do poder á actual mandataria”, denuncia a nota.

Comentarios