O Parlamento entrega os premios 'Publicidade en Galego', un idioma "acaído para as campañas publicitarias de éxito"

O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, entregou os galardóns das categorías de centros de ensino, Internet, prensa, radio e televisión.
Entrega dos premios Publicidade en Galego, esta segunda feira. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Entrega dos premios Publicidade en Galego, esta segunda feira. (Foto: Parlamento da Galiza)

O Parlamento da Galiza foi sede esta segunda feira da entrega da XXVVIII edición dos Premios Publicidade en Galego, un galardón convocado pola propia Cámara, a secretaría xeral de Política Lingüística e o Foro Enrique Peinador.

A "crecente" participación no certame, dixo o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, é "paralelo ao proceso de revitalización da lingua galega, hoxe felizmente asentada nos diferentes ámbitos sociais e culturais".

Porén, este crecemento non exclúe, precisou Santalices, que o idioma propio do país "continúe necesitado de impulso e sensibilidade por parte de todos". Nomeadamente, referiuse á necesaria presenza "nas redes e o universo audiovisual" para poder alcanzar a súa "plenitude".

Esta convocatoria, asegurou, "xorde desde o convencemento de que o galego é un idioma acaído para a realización de campañas publicitarias de éxito" e "sempre, por suposto, desde o compromiso inquebrantábel coa lingua propia da Galiza".

O acto contou tamén coas intervencións do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e do presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González, ademais do representantes dos galardoados.

Proxectos premiados

O CIPF de Leixa foi premiado na categoría de centros educativos, co traballo titulado Cambio climático; o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, na categoría da Internet, polo anuncio Treixadura-Modo Ribeiro, da Axencia Nasas; Aqualia, na categoría de prensa escrita, con A auga en Vigo é de alta calidade, de Ecovigo Publicidade; a Asociación PuntoGal, na categoría de radio, con Abre na rede, da axencia Quatto IDCP, e R Cable e Telecable Telecomunicacións, na categoría de televisión, con Vai escampar, tamén de Quattro IDCP.

O xurado acordou tamén unha mención de honra na presente edición do concurso para a empresa Sistemas de Seguridade A1.

Comentarios