A Xustiza dá a razón á Mesa e anula a sanción contra o veciño de Rianxo que solicitou ser atendido en galego

O xulgado considera que non está probado que o cidadán alterara o funcionamento do centro de saúde.
O veciño de Rianxo sancionado por pedir atención en galego á súa chegada aos xulgados. (Foto Arxina).
photo_camera O veciño de Rianxo sancionado por pedir atención en galego á súa chegada aos xulgados. (Foto Arxina).

A sentenza emitida polo xulgado do contencioso administrativo de Santiago de Compostela a respecto dos feitos acontecidos en 2021, cando un veciño de Rianxo (O Barbanza) exixiu ser atendido en galego nun cribado da Covid-19, dá a razón á Mesa pola Normalización Lingüística e anula a sanción de 600 euros imposta no seu momento pola Subdelegación do Goberno español e recorrida posteriormente pola entidade en defensa da lingua.

O xulgado considera que non está probado que o cidadán alterara o funcionamento do centro de saúde e deixa, polo tanto, sen efecto a sanción de 600 euros inicialmente imposta pola Subdelegación do Goberno español, en aplicación da coñecida como Lei Mordaza.

Porén, sanciónao por uns feitos distintos, impoñéndolle unha multa de 160 euros por unha infracción de "falta de respeito aos axentes da Policía Local de Rianxo", feitos que non encaixan na tipificación pola que a Subdelegación incoou o procedemento sancionador, conculcando así principios básicos do ius puniendi que inspiran o dereito administrativo sancionador, como son o principio de tipificación e o de congruencia do pronunciamento.

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia, unha vez máis, os "defectos e contradicións" presentes ao longo de todo o procedemento sancionador deste cidadán. O presidente da entidade, Marcos Maceira, insiste no efecto "amedrentador" que pode supor para calquera persoa que manifeste intención de exercer os seus dereitos lingüísticos.

"Perante esta tentativa da policía de Rianxo e da delegación do Goberno español de amedrentar a cidadanía que, amparada pola lexislación, solicite ser atendida en galego", Maceira recorda que "A Mesa non dubidará en acudir ás instancias que foren precisas para garantir o dereito ao uso do galego".

Neste sentido, a entidade solicitou unha aclaración da resolución ao xulgado e anuncia que, unha vez se resolva esta petición, solicitará o amparo do Tribunal Constitucional para reparar os dereitos do cidadán.

A Mesa recorda que calquera cidadán ou cidadá que vexa vulnerados os seus dereitos lingüísticos pode solicitar axuda a través da Liña do Galego e insiste en que se puxeron en contacto coa Delegación do Goberno español na Galiza, para pedir unha xuntanza co responsábel e para exixir formación en materia de dereitos lingüísticos para as forzas e corpos de seguridade do Estado, co obxectivo de que esta situación non se volva repetir.

Comentarios