A Xunta solicita a entrada do Estado español na Comunidade da lusofonía

Unha semana despois de que o Goberno da Xunta manifestase en sede parlamentaria a súa intención de frear a candidatura da Galiza para formar parte da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (UE), Jesús Gamallo, reuniuse onte en Lisboa coa directora xeral da Comunidade da lusofonía, Georgina Mello, para abordar a futura e posíbel integración de España como Observador Asociado deste organismo.
reunion lisboa gamallo cplp 900
photo_camera Georgina Mello e Jesús Gamallo durante o seu encontro en Lisboa (Xunta).

Con este encontro, a Administración galega contenta o interese expresado polo Ministerio de Asuntos Exteriores do que se fixo eco o secretario xeral de Política  Lingüística no Parlamento: que sexa o Estado español, por xunto, o que entre na CPLP, e non os dous territorios de forma autónoma con cadansúa candidatura; un desexo reiterado polas entidades galegas en defensa da lingua e da lusofonía.

Mais a posición do Executivo galego parece enfocada, agora, a promover a candidatura do Estado. Desde a Consellaría de Vicepresidencia, recoñecen que o Goberno galego solicitou a integración do Estado español nesta organización internacional a través da súa participación como Observador Asociado. Unha incorporación, din, que "suporía unha grande oportunidade para Galiza grazas á intercomprensión entre o galego e o portugués"

"A acción exterior cos países da comunidade lusófona supón unha grande oportunidade no ámbito cultural e económico".

A figura de Observador Asociado, explican, aplícase a Estados onde, aínda que non teñen o portugués como lingua oficial, existe unha comunidade de falantes de portugués de certa entidade ou, como sería o caso de Estado, onde unha das linguas cooficiais ten similitudes e comparte orixe co portugués, como é o galego.

Neste sentido, Galiza xa está representada na CPLP desde o ano 2016 polo Consello da Cultura Galega e desde 2017 pola Academia Galega da Língua Portuguesa, en calidade de "observadores consultivos".

Encontro en Lisboa

Durante a súa reunión con Georgina Mello, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta defendeu unha posición moi activa por parte da Administración galega en relación a unha posíbel integración do Estado español na CPLP e amosou este interese nos seus intercambios co Ministerio de Asuntos Exteriores, a Unión Europea e a Cooperación. Ademais, sinalan desde Vicepresidencia, presentou un documento de traballo coas achegas da Galiza sobre as condicións e o xeito de formar parte deste organismo internacional. 

"As responsábeis da CPLP recoñeceron o compromiso e interese da Galiza coa lingua e a cultura portuguesas".

Jesús Gamallo destacou que "a acción exterior cos países da comunidade lusófona supón unha grande oportunidade no ámbito cultural, polas posibilidades de intercambios e proxectos conxuntos; e no económico, grazas ao enorme mercado constituído por máis de 250 millóns de falantes en portugués dunha decena de países".

Pola súa banda, as responsábeis da CPLP recoñeceron o compromiso e interese da Galiza coa lingua e a cultura portuguesas así como o papel de "ponte" entre dúas culturas de forte presenza internacional "como son a española e a portuguesa". 

Nesta liña, destaca a Xunta, a Comunidade da lusofonía convidará Galiza a colaborar con outros organismos para levar a cabo actividades concretas en diferentes eidos. Ademais, confirma, a CPLP invitou "a nosa comunidade a participar no Cumio de Luanda de setembro de 2020, no que se aprobará a adhesión de España como Observador Asociado".

Comentarios