Unha concesionaria madrileña da Xunta de prevención de riscos laborais denega a atención en galego a persoas usuarias

Persoal dependente da Consellaría de Política Social denuncia perante a secretaría xeral de Política Lingüística que profesionais da compañía Cualtis rexeitaron facer o recoñecemento médico na lingua do país porque non a sabían falar.
Cualtis pide como solución ferramentas "para solucionar certas dificultades na tradución automática" por parte do persoal facultativo de fóra da Galiza (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cualtis pide como solución ferramentas "para solucionar certas dificultades na tradución automática" por parte do persoal facultativo de fóra da Galiza (Foto: Nós Diario)

A empresa madrileña Cualtis presta o servizo de recoñecemento médico e prevención de riscos ao persoal dependente da Xunta da Galiza. Porén, e malia que a lexislación vixente garante o dereito a usar o a lingua galega en todas as súas relacións coa Administración, ese dereito non sempre está garantido.

Persoal da Consellaría de Política Social presentou nas últimas datas senllas queixas formais perante a secretaría xeral de Política Lingüística a respecto do emprego do galego por parte de Cualtis. "Acudín a facer o recoñecemento médico no meu centro de traballo. Cando foi atenderme a médica díxome que non me podía atender en galego porque non o sabe falar", expón unha das queixas, á que tivo acceso Nós Diario.

"Expreseille a ela e á enfermeira presente —prosegue— que se non me podía atender en galego non facía o recoñecemento, xa que dubido que me entendese expresións como dor de gorxa, xeonllo mancado ou dor de riles".

Agora Política Lingüística, nun escrito ao que tamén accedeu este xornal, deu resposta a estas queixas afirmando que o pasado 8 de marzo xa contactou Cualtis para "informala da situación e solicitarlle a plena incorporación da lingua galega á súa oferta de servizos".

Como resposta, indica, a empresa de prevención de riscos laborais solicitou unha xuntanza para "analizar as posíbeis melloras a introducir no servizo", un encontro no que asegurou estar xa a realizar "melloras tecnolóxicas" nos seus programas informáticos "para que os informes médicos que emiten os facultativos se poidan facer en galego".

Desde Cualtis solicitaron apoio á Administración galega "para solucionar certas dificultades na tradución automática dos comentarios e notas específicas que elabora o persoal médico de orixe non galega no programa informático para a edición dos informes médicos".

En consecuencia, Política Social púxose en contacto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega) "co fin de facilitarlle a Cualtis as ferramentas informáticas precisas e abrir así unha liña permanente de colaboración entre a Administración pública galega e a empresa que contribúa a eliminar definitivamente calquera traba que poida dificultar no futuro a comunicación en lingua galega entre Cualtis e as súas persoas usuarias".

Comentarios