Afírmao A mesa

A Xunta recoñece a discriminación lingüística nas ‘funcionarias galegófobas’ de Lugo

A Mesa pola Normalización Lingüística exixe sancións e valora a adopción de medidas legais por entender que pode ser un delito de odio.

a mesa adela figueroa lugo

A Xunta recoñece a discriminación lingüística cometida o pasado mes de febreiro en Lugo por dúas funcionarias da delegación da administración galega nesa cidade. Así o afirma A Mesa, que esta sexta compareceu en Lugo para dar conta das novidades en relación ao caso de “agresión lingüística” acontecido en febreiro . A secretaria xeral da Mesa, Mónica Pazos, e Adela Figueroa, a veciña albo da ‘discriminación lingüística’, foron as comparecentes.

Após as queixas presentadas, a Secretaría Xeral para o Deporte recoñece nun informe que “as funcionarias que atenderon á cidadá descoñecían a obrigatoriedade que demanda á normativa de aplicación respecto ao dereito da cidadanía a elixir o idioma en que desexa ser atendida pola Administración”. A Mesa lémbralle á Xunta que “a ignorancia da lexislación non exime do seu cumprimento, máxime cando estamos perante a vulneración de dereitos fundamentais por parte de funcionarias públicas, e perante a conculcación de lexislación de carácter básico ao que están sometidas as funcionarias”.

Aliás, aponta a MNL, non se pode deixar de lado o ton e frases pronunciadas polas funcionarias: “no me dá la gana”, “soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”, “yo solo hablo castellano, no me dá la gana de hablar en gallego” ou “pues si se pierde, mejor! Ni gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor”. Ás que engadir as de “Ojalá volviese Franco, ¡Buena falta hacía!” ou “Si volviese Franco sería mejor”,

Para Mónica Pazos, a reiteración destas expresións, a intensidade a hostilidade contra a persoa administrada poderían ser constitutivas “dun delito de incitación ao odio, polo que os servizos xurídicos da Mesa están valorando a posibilidade de adoptar medidas penais por este motivo”.

Para Pazos, o recoñecemento da Xunta da negativa das funcionarias a atender en galego deberían ter sanción tal e como estipula a Lei do estatuto básico do empregado público por cando menos as seguintes faltas moi graves; discriminación por razón de lingua (artigo 95.2.b), incumprimento de funcións inherentes ao posto de traballo con rigor e respecto (artigo 95.2.g) e polas faltas graves de; minguar o crédito da imaxe pública da Administración galega (artigo 95.3.c).

Pola súa banda, Adela Figueroa culpou a Xunta de Galiza de mentir no seu informe, pois “están dicindo que apareceu un funcionario para ofrecerlle a atención en galego que as funcionarias lle negaron cando non é certo”. Para Figueroa a mala actitude das funcionarias debe ser castigada para evitar que situacións así volten a acontecer.

Comentarios