A Xunta promete dar “a máxima difusión posíbel” á figura de Filgueira Valverde

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, considera que a elección da RAG é “respectábel” e confirma o apoio da institución gobernada polo PP ao Día das Letras de 2015 malia o rexeitamento que ten provocado en numerosos ámbitos.

O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galiza, Anxo Lorenzo, asegurou que os “méritos” do polígrafo Xosé Filgueira Valverde (ex-alcalde de Pontevedra con Franco) son "suficientes" para que sexa homenajeado no Día dás Letras Galegas en 2015 e considerou que a elección da Real Academia Galega (RAG) é "soberana". "Creo que é unha decisión respectable e que temos que poñernos a traballar para darlle a máxima difusión posible á figura homenaxeada", afirmou, prometendo así todo o apoio de San Caetano a un tributo que foi amplamente rexeitado na sociedade civil.

"Eu non teño ningunha dúbida de que os méritos de Filgueira Valverde para ser homenaxeado son suficientes", manifestou o alto cargo do Goberno galego nunha entrevista concedida a Radio Nacional España (RNE), na que Lorenzo tamén explicou que o que fai a Xunta "cando a Academia decide quen é o homenaxeado" é "poñerse a traballar" xunto ás institucións que estean implicadas segundo a figura que sexa para "planificar as actividades" en recordo do autor.

"O caso de Filgueira non vai ser distinto a outros", afirma o alto cargo cultural da Xunta, pasando por alto a vertente política do homenaxeado en 2015

"O caso de Filgueira Valverde non vai ser unha excepción", aclarou antes de considerar que "hai que transmitir claramente á cidadanía que foi un polígrafo, un erudito, unha persoa que traballou pola lingua galega, pola literatura e tamén pola cultura no sentido máis xeral posible". Da súa faceta política durante unha ditadura, Lorenzo non falou.

Comentarios