A Xunta prevé prescindir do galego se hai que contratar gran número de sanitarias pola Covid-19

Despois de toda a polémica creada pola Xunta arredor do galego, con motivo dos cambios que supón a Lei Celaá, agora a Administración galega advirte de que vai esgotar todas as vías posíbeis, mesmo incorporando persoal que non coñeza a lingua propia.
Profesionais sanitarios nun hospital. (Foto: Francisco Havia / Universidade de Vigo)
photo_camera Profesionais sanitarios nun hospital. (Foto: Francisco Havia / Universidade de Vigo)

A coñecida como lei de acompañamento -unha norma de medidas administrativas e fiscais- incluirá cambios con respecto á contratación de persoal por parte da Xunta con motivo do coronavirus. O Goberno galego comunicou esta segunda feira que acudirá a “todas as vías” se é preciso contratar para atender á cidadanía.

A decisión sería entendíbel dentro da urxencia sanitaria se se esgotan as listas de contratación. Porén, un dos primeiros criterios que se deixará a un lado é a necesidade de coñecer o “idioma galego para cubrir vacantes”.

O documento indica que se “non existen candidatos en posesión do certificado acreditativo do nivel de coñecemento de lingua galega correspondente, poderán ser seleccionados candidatos que carezan del, sempre que cumpran os restantes requisitos”.

Malia que a en principio este cambio só sería temporal, non deixa de chamar a atención esta medida en concreto no medio da polémica pola posibilidade de que a Lei Celaá permitise que o galego fora lingua vehicular na escola. O mesmo presidente, Alberto Núñez Feixoo, amosou a súa postura en contra de tal opción.

Mesmo sen rematar a formación

Tamén podería ter repercusións sociais o feito de que outra das pretensións do Goberno galego é acudir a profesionais que sexan parte noutras listas.

Por tanto, poderían entrar no sistema sanitario persoas sen saber galego para comunicarse coas e cos pacientes que falen nese idioma, sen ter aprobada a oposición e, mesmo, “excepcionalmente” se estudaron para coidados auxiliares de enfermaría ou equivalentes, e non remataron a formación.

Igualmente, poderán reincorporarse aos postos aquelas persoas “penalizadas”, é dicir, aquelas persoas que foron chamadas e rexeitaron ás prazas que se lle ofreceron.

O texto recalca, tamén, que é comprensíbel que en plena pandemia “non se poidan desenvolver regularmente” oposicións para atopar ás e aos candidatos.

Comentarios